Casa 47, a Entidade Estatal de Vivenda, ofrece arrendamentos de entre 399 e 909 euros en dúas promocións nunha convocatoria aberta ata o 20 de febreiro
Casa 47, a nova Entidade Estatal de Vivenda que absorbeu unhas 40.000 vivendas e 2.400 predios edificables procedentes da SAREB, o banco malo que quedou cos activos inmobiliarios tóxicos do rescate bancario -entre eles, 5.000 millóns en pisos e terreos procedentes de Novacaixagalicia-, ten en marcha a súa primeira oferta de "alugueiro accesible". Unha primeira "convocatoria piloto" con 171 vivendas das que 67 están en Vigo.
Ata o 20 de febreiro o sitio web da entidade estatal ten aberto o prazo de solicitudes canda información sobre os pisos. No caso de Vigo son dúas promocións nas rúas Bolivia e Toxal nas que Casa 47 oferta alugueiros por 8,8 euros o metro cadrado, o cal implica -subliña o Ministerio de Vivenda- "un prezo un 35% por baixo do prezo do mercado libre na cidade".
Estas condicións dan lugar a un prezo medio mensual de 662 euros. A vivenda máis cara das ofertadas, non obstante, chega a unha renda de 909 euros, mentres que a máis económica queda en 399. A meirande chega aos 105 metros cadrados e a de menores dimensións é un estudio de apenas 41 metros cadrados.
45 dos pisos teñen dous dormitorios, 11 teñen tres, 5 contan cun só e outros seis son estudios. Serán asignados por sorteo e os contratos durarán 14 anos prorrogables ata un máximo de 75
Segundo a información divulgada por Casa 47, a maioría das vivendas ofertadas en Vigo teñen dous dormitorios (45). Outras 11 teñen tres cuartos e cinco máis, un único dormitorio. A estes pisos engádense media ducia de estudos. Todas agás tres dispoñen de praza de garaxe e todas agás 15, de rocho.
Para poder optar a algún destes pisos é preciso cumprir diversos requisitos, entre os que destaca non ter débedas coa Seguridade Social ou de impostos e tamén os limiares de renda. Os ingresos anuais netos de todos os membros da unidade de convivencia que opte a cada piso deben situarse entre 2 e 4,5 veces o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples, isto é, entre 16.800 e y 37.800 euros.
As persoas inscritas que cumpran os requisitos entrarán a formar parte dun sorteo ante notario. Se resultan adxudicatarias, poderán visitar a vivenda que lles tocase para comprobar se "se adapta ás súas necesidades". No caso concreto dos pisos de Vigo, por non estar amoblados nin teren electrodomésticos, o alugueiro non comezará a cobrarase "ata tres meses" despois de comezar o contrato, que terá unha duración inicial de 14 anos "con prórrogas sucesivas de 7 e unha extra de 5 ata acadar os 75 anos" sempre que "se manteñan a maior parte das condicións" da familia.
A oferta chega trece anos despois de que a Sareb quedase con 5.000 millóns en 'ladrillo tóxico' de Caixanova e Caixa Galicia e mentres o rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta ten máis de 7.000 inscricións en Vigo
Esta oferta chega trece anos despois de que o banco malo quedase cos activos inmobiliarios tóxicos das antigas Caixa Galicia e Caixanova. No seu momento a Sareb negárase informar o Parlamento galego durante a nunca pechada comisión de investigación sobre a fusión, quebra e rescate do que acabou sendo Novagalicia Banco.
A primeira convocatoria de Casa 47 prodúcese en Vigo, asemade, nun contexto no que Vigo é o concello galego con máis inscricións no rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta, con máis de 7.000 no momento de elaboración desta información, un incremento superior ao 20% en apenas un ano. Esa gran cantidade de peticións viguesas son case o 31% do total de Galicia mentres o Goberno galego, segundo os seus datos máis recentes, ten "en diferentes de tramitación". para o conxunto da provincia de Pontevedra 1.304 vivendas de promoción pública.