Pontón pide á Xunta mellores políticas de vivenda e Rueda responde que A Coruña e Santiago xestionan mal

Ana Pontón durante a sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA BNG

"Vostede non quere zonas tensionadas por ideoloxía, porque non defende o dereito á vivenda senón á especulación", acusa a nacionalista, ao que o presidente replica que iso é "o rollo de sempre do Bloque"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou este mércores a sesión de control á Xunta no Parlamento nos problemas de acceso á vivenda en Galicia. Un debate no que afeou ao Goberno galego a insuficiencia das súas políticas, que atribuíu á súa "ideoloxía" favorable "á especulación", explicación que Rueda considerou "o rollo de sempre do Bloque". 

Pontón comezou o debate salientando que "co que antes alugabas un piso, agora con sorte tes un cuarto con dereito a cociña", e enumerou o moi reducido número de vivendas públicas que foi impulsando a Xunta nos últimos 17 anos.

Rueda na sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A primeira resposta que obtivo a nacionalista do presidente foi que "esta bravura que ten aquí non a ten" en Madrid, afeándolle que non sexa máis crítica con Pedro Sánchez. Un intento de desviar a intervención a cuestións estatais que tamén tentou Rueda durante o seu debate co socialista José Ramón Gómez Besteiro.

Para o presidente a da vivenda "é a primeira preocupación dos galegos e a primeira preocupación da Xunta", e contrapuxo as súas xestións cun suposto mal funcionamento das zonas declaradas tensionadas por alugueiro a petición dos concellos da Coruña e Santiago. Rueda criticou que Santiago xestionou mal inicialmente a súa solicitude e demorou o proceso e que na Coruña os prezos seguen a subir tras a declaración. Porén, nin Pontón nin Rueda se pronunciaron sobre a decisión da Xunta de xestionar ela os fondos ligados ás zonas tensionadas, ante o que as alcaldesas da Coruña e Santiago están a facer fronte común

Na súa intervención final Pontón lamentou que Rueda "non quere zonas tensionadas por ideoloxía, porque non defende o dereito á vivenda senón á especulación" e salientou que non son as declaracións de zonas tensionadas as que reducen a oferta de alugueiro xa que iso mesmo segue a pasar noutras cidades. Porén, para Rueda o do PP favorable á especulación é "o rollo de sempre do Bloque". Un BNG ao que acusou de "asustar" os propietarios "coa súa defensa da ocupación". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.