Marta Zurahieva é unha muller refuxiada ucraína con catro fillos menores ao seu cargo. Chegou a Galicia en 2022 fuxindo do conflito no seu país tras a invasión por parte de Rusia, pero tamén da violencia machista exercida polo pai dos seus pequenos. Logo de ser axudada pola Cruz Vermella a atopar unha vivenda na Coruña e a recibir axudas para sufragar o alugueiro, a ausencia destas achegas impediulle seguir pagando a elevada renda solicitada pola caseira, que denunciou e activou unha orde de desafiuzamento que debía ser executado na mañá deste xoves.
Non foi así ao ser paralizado logo da mobilización convocada pola Plataforma polo Dereito á Vivenda e o Sindicato de Inquilinas ante a vivenda, no barrio de Monelos, que convocou varias ducias de persoas.
Ambas entidades advirten do risco de que os catro fillos sexan separados da súa nai se o desafiuzamento se leva a cabo sen alternativa habitacional para a familia, unha posibilidade que ata agora non tiña malia que a afectada leva meses buscando vivenda sen éxito a pesar de ter ingresos de 800 euros ao mes e poder facer fronte ao pagamento dun alugueiro razoable, segundo explica.
A Plataforma polo Dereito á Vivenda e o Sindicato de Inquilinas convocaron unha mobilización ante a vivenda para evitar o desafiuzamento
Finalmente, e tras a concentración de varias decenas de persoas desde primeiras horas da mañá, houbo acordo coa comitiva xudicial para que Marta non sexa desafiuzada. Terá que abandonar voluntariamente a casa nun prazo máximo de cinco días, pero logo de adquirir o compromiso de que nese momento será atendida polos Servizos Sociais do Concello, que lle ofrecerán unha alternativa para vivir cos seus pequenos.
O desafiuzamento foi paralizado ata o 15 de xullo e agárdase que o Concello lle ofreza antes unha alternativa habitacional
"É unha solución provisional", dixo o avogado da muller, Antonio Vázquez, que explica que agora a afectada terá que presentar en Servizos Sociais do Concello a solicitude para que se lle aplique o sistema de "emerxencia habitacional". A propietaria accede a suspender o desafiuzamento ata o vindeiro día 15 ás 9 da mañá á espera de que a administración local lle entregue estes días as chaves dun novo piso para que viva nel un máximo de seis meses baixo o "compromiso de busca activa doutra solución".
"Se os menores son desafiuzados, non poden quedar na rúa, polo que interviría o servizo da Xunta de protección de menores para internalos nun centro de acollida, provocado a separación traumática da familia", advertía o avogado da muller, Antonio Vázquez, antes de confirmar o acordo.
Fracaso das administracións
Segundo a plataforma e o sindicato, a situación vivida pola refuxiada ucraína reflicte o fracaso da política de vivenda por parte das administracións, ao non ser quen de garantir unha vivenda digna a unha muller en situación de emerxencia social, con ingresos e catro fillos menores ao cargo. O Concello da Coruña, un dos sinalados xunto á Xunta, ofreceu algunha vivenda como solución temporal pero, segundo as entidades implicadas, non cumprían cuns requisitos mínimos para a familia.
Agora, e despois das mobilizacións, a proposta é a dunha alternativa habitacional que paralizou o desafiuzamento e supón unha solución, cando menos temporal, para Marta e os seus fillos menores. Pero Vázquez, o letrado, asegura que o Concello "negouse reiteradamente" ata o último momento a concretar o enderezo exacto desta nova vivenda para poder comprobar se cumpría cuns requisitos mínimos.
Á mobilización acudiu a portavoz do BNG no Concello, Avia Veira, sí como os concelleiros Fracisco Jorquera e David Soto e a deputada nacionalista Iria Taibo. O Bloque pide ao goberno local que dea a Marta Zurahieva unha solución habitacional "estábel e permanente" que lle permita vivir coas súas catro crianzas.
O BNG pide ao Concello unha solución habitacional "estábel e permanente" para Marta Zurahieva e "maior compromiso nas políticas de vivenda" á Xunta
“Desde o momento en que soubemos que se ía producir o desafiuzamento de Marta comezamos a presionar politicamente o Goberno Local, con chamadas e contactos directos, para que lle desen unha solución habitacional estábel e permanente. Continuaremos a facelo até que se consiga esa solución permanente”, afirma Avia Veira.
“Falta valentía política, falta maior compromiso nas políticas de vivenda, nomeadamente por parte da Xunta de Galiza gobernada polo PP, a administración con competencias exclusivas na materia”, engadiu.