O pasado ano asináronse case 19 mil hipotecas de vivenda en Galicia, un 21% máis que no ano 2024
Cada vez é máis dificil acceder a unha vivenda en Galicia, sexa a través do seu alugueiro, sexa a través da súa adquisición. En paralelo ao encarecemento dos alugueiros, o prezo de compravenda dos inmobles non deixa de subir, nun contexto agravado nos últimos meses polo aumento dos tipos de xuro das hipotecas. A pesar disto, o número de hipotecas de vivenda asinadas en Galicia non deixa de medrar e en 2025 acadou o seu máximo en 15 anos.
O pasado ano asináronse case 19 mil hipotecas de vivenda no noso país, un 21% máis que no ano 2024. É a cifra máis elevada dende o 2011, aínda coa resaca do estoupido da burbulla inmobiliaria. O INE publicou este luns os datos definitivos da estatística de hipotecas correspondente ao ano 2025.
O tipo de xuro medio, de novo por riba do 3%, está no seu nivel máis alto dende xaneiro de 2025 e espérase que siga subindo. A comezos de 2024 chegou a acadar o 3,44%, a cifra máis alta nunha década
Nos últimos meses o prezo de compravenda de vivenda en Galicia superou o nivel máximo acadado durante a burbulla inmobiliaria. Tamén se veñen endurecendo as condicións para acceder a un empréstito hipotecario, con tipo de xuro crecentes, derivados do aumento do Euríbor e dos tipos de xuro establecidos polo Banco Central Europeo.
O tipo de xuro medio das hipotecas de vivenda asinadas en Galicia volve superar o 3% (3,01% en xullo), despois de pechar o 2025 algo por debaixo dese nivel (2,89%). O tipo de xuro é algo máis elevado no caso das hipotecas a tipo fixo (3,03%) que nas de tipo variable (2,97%). As hipotecas a tipo fixo son maioría no Estado (63% en 2025).
O tipo de xuro medio, de novo por riba do 3%, está no seu nivel máis alto dende xaneiro de 2025 e espérase que siga subindo. A comezos de 2024 chegou a acadar o 3,44%, a cifra máis alta nunha década.
En calquera caso, o número de hipotectas asinadas en Galicia non deixa de aumentar. O encarecemento dos prezos do alugueiro fixo que dende hai máis dun ano, o custo do arrendamento nos novos contratos supere xa ás cotas medias das hipotecas en Galicia. Para quen se poida permitir solicitar unha hipoteca.
Ao remate do pasado ano o 15,8% dos fogares galegos estaban suxeitos a unha hipoteca, un punto menos que as familias que viven de alugueiro, cuxa porcentaxe se duplicou nas últimas dúas décadas
Ao remate do pasado ano o 15,8% dos fogares galegos arrastraban unha hipoteca. Trátase dunha porcentaxe que veu descendendo nas últimas décadas unha vez que se van cancelando unha parte significativa dos préstamos hipotecarios asinados durante a burbulla inmobiliaria. No ano 2010 un 21,8% dos fogares familiares galegos estaban suxeitos a algún tipo de hipoteca, unha porcentaxe que caeu ata o 15,7% en 2022. Dende entón, a cifra mantense estable.
Neste tempo o que foi aumentando foi a porcentaxe de poboación galega que vive de alugueiro, que pasou de representar o 8% en 2025 a rozar na actualidade o 17%, exactamente o dobre, e superando por primeira vez neste século á porcentaxe de persoas que seguen a pagar unha hipoteca.