No novo curso político os nacionalistas porán tamén o foco na "emerxencia lingüística" e no financiamento autonómico como vía para obter ingresos cos que axudar á cidadanía
O BNG iniciou este luns o curso político cunha reunión da súa Executiva Nacional tras a que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, expuxo as prioridades da formación para os próximos meses. O aumento do custo da vida, o financiamento autonómico como vía de obter ingresos cos que axudar á cidadanía e a "emerxencia lingüística" serán os principais focos do seu discurso político.
Segundo Pontón, o BNG quere “poñer a galegos e galegas no centro do debate político e aportar solucións aos problemas que afectan directamente ao seu día a día”. A nacionalista advertiu de que “vivir en Galiza é cada vez máis caro” e de que os salarios e ingresos das familias “non medran ao mesmo ritmo que os prezos”. Nesta situación, a portavoz nacional propuxo un plan de choque de 400 millóns de euros destinado a aliviar directamente a situación das familias, das persoas autónomas e das pequenas e medianas empresas.
No ámbito da vivenda, o BNG propón regular por lei as vivendas de uso turístico, declarar zonas de mercado residencial tensionado e establecer axudas en función da renda para facer fronte ao incremento dos alugueiros e das hipotecas. Tamén propón un bono de transporte galego para abaratar os desprazamentos e incrementar as axudas ás familias con menos recursos para afrontar os gastos do inicio do curso, ao tempo que reclama recuperar a gratuidade dos libros de texto.
A proposta inclúe tamén axudas aos sectores económicos máis afectados pola suba dos combustibles e da electricidade e medidas de apoio ao sector agrogandeiro afectado pola seca, así como unha maior intervención pública no sector enerxético e mecanismos para limitar os prezos dos alimentos básicos e das subministracións esenciais. "Non pode ser que cada vez que sobe o prezo da enerxía ou dos alimentos sexan as familias e as pequenas empresas as que paguen a factura", advertiu Pontón.
Financiamento autonómico
A segunda gran prioridade do BNG neste inicio de curso será "conseguir que Galiza teña máis recursos para poder desenvolver estas políticas". Pontón pon o foco no Consello de Política Fiscal e Financeira que se celebrará o 3 de setembro e que, segundo destacou, será "un dos debates económicos máis importantes das últimas décadas", polo seu impacto na capacidade para mellorar a sanidade, a educación, os coidados, a vivenda e os servizos públicos.
A portavoz nacionalista acusou ao Goberno do PP de desleal con Galicia por "rexeitar a quita de 4.000 millóns de euros de débeda galega" e "boicotear a transferencia da AP-9", denunciando que "Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde". Fronte a isto, Pontón reafirmou que o BNG seguirá defendendo un concerto económico "que permita recadar e xestionar o 100% dos recursos, cunha facenda propia, capacidade fiscal plena e unha negociación bilateral co Estado".
"Emerxencia lingüística"
A terceira prioridade do BNG neste inicio de curso será a lingua galega, ante unha situación que Pontón cualificou de "emerxencia" e que atribuíu ás políticas desenvolvidas polo PP durante os últimos 16 anos e ao incumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento en 2004. Pontón reclamou a derrogación do "decreto da vergoña", que impide o ensino en galego de materias como ciencias e matemáticas e a aprobación dun novo marco educativo que converta o ensino "nun motor de galeguización e non nun espazo de exclusión para a nosa lingua".
Pontón concluíu asegurando que o BNG afronta o novo curso político coa prioridade de poñer "no centro aquilo que debería ser a prioridade de calquera Goberno: a vida da xente" fronte a un Rueda "preocupado por ser o escudeiro de Feijóo".