Que un piso turístico estea legal "non exclúe que sexa 'actividade molesta'": un xulgado fixa límites no Pino

Sentenza que declara un piso turístico de O Pino como "actividade molesta" CC-BY-SA Praza Pública

Unha sentenza dá a razón a unha comunidade de propietarios e considera "actividade molesta e prexudicial" o uso "con fins turísticos" dunha vivenda, que ordena cesar "en canto actividade xeradora das molestias acreditadas"

Un xulgado de Arzúa vén de facer pública unha sentenza que establece que unha vivenda de uso turístico do concello do Pino é "actividade molesta e prexudicial" malia funcionar de xeito legal e condena os seus propietarios a "cesar na actividade de arrendamento turístico da referida vivenda, en canto actividade xeradora das molestias acreditadas". Faino atendendo unha demanda presentada pola comunidade de propietarios do edificio afectado, que levaba anos sufrindo todo tipo de molestias. 

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a comunidade de propietarios debateu en sucesivas xuntas desde 2018 os problemas que se estaban a rexistrar no edificio pola vivenda de uso turístico, tomando diversas medidas que non lograron poñerlles fin. Segundo os denunciantes, había ruídos a todas horas, comportamentos incívicos en lugares comúns ou problemas de seguridade. Así que en 2024 decidiron iniciar a vía xudicial primeiro cun requirimento que non foi atendido e finalmente coa demanda ante o xulgado para que declarase a vivenda turística como "actividade molesta" e ditase unha prohibición de dito uso durante tres anos.

A xuíza considera que neste caso as molestias non eran feitos illados senón "unha situación reiterada e sostida no tempo, debidamente reflectida en actas da comunidade e corroborada pola existencia de múltiples denuncias ante a Garda Civil e actuacións ante o Concello"

Na sentenza a xuíza di que "debe partirse de que a licitude administrativa da actividade de vivenda de uso turístico non exclúe a súa eventual consideración como actividade molesta [...] cando a súa concreta forma de explotación xere perturbacións graves, reiteradas e obxectivamente relevantes para a convivencia comunitaria, afectando non só ao confort, senón tamén ao normal desfrute dos elementos privativos e comúns e á seguridade do inmoble". E neste caso en cuestión a xuíza, á vista das probas e testemuñas presentadas, considera que as molestias non eran feitos illados ou excepcionais senón "unha situación reiterada e sostida no tempo, debidamente reflectida en actas da comunidade e corroborada pola existencia de múltiples denuncias ante a Garda Civil e actuacións ante o Concello". 

Así, a xuíza considera que efectivamente a actividade desenvolvida na vivenda turística debe considerarse "actividade molesta". Pero ante a petición da comunidade de propietarios de que esa actividade cese durante tres anos como posibilidade recollida na lexislación, a sentenza explica que "dita pretensión non constitúe un efecto automático nin necesario da acción de cesación" prevista na lei ante unha actividade molesta. 

"No presente suposto, a tutela xudicial adecuada satisfaise mediante a declaración de actividade molesta e a condena ao cese da actividade de arrendamento turístico en canto xeradora das molestias acreditadas, sen que resulte necesario nin procedente fixar un prazo ríxido de duración da prohibición, ao tratarse dunha medida que opera pola propia natureza da actividade declarada incompatible coa convivencia comunitaria", conclúe a sentenza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.