A seca afoga o agro: perdas de 164 millóns de euros na produción de forraxes

Plantación de millo forraxeiro CC-BY-SA UVigo

Máis de 164 millóns de euros en perdas acumuladas pola seca só na produción de forraxes. Son as cifras que pon enriba da mesa Unións Agrarias (UUAA) sobre o impacto da falta de chuvias na alimentación do gando ata a primeira semana de agosto. 

O maior impacto, dentro deses 164,1 millóns, débese ao millo forraxeiro, con 102 millóns en perdas. Ante a situación, UUAA reclama unha reunión coa Consellería do Medio Rural para "analizar a evolución da seca, actualizar a valoración dos danos e comezar a deseñar unha folla de ruta de actuación". 

Vacas nun prado nunha aldea galega CC-BY-SA Chente Rocha

UUAA reclama unha reunión con Medio Rural para "analizar a evolución da seca, actualizar a valoración dos danos e comezar a deseñar unha folla de ruta de actuación"

Para os cálculos, Unións Agrarias ten en conta a redución da cantidade de forraxe dispoñible e a perda de calidade provocada pola falta de auga e a calor. As cifras apuntan así a case 35 millóns en perdas polos prados e máis de 27 pola afectación aos prados permanentes, ademais das que afectan ao maínzo destinado a forraxe. 

Ademais, a organización agraria aclara que A Coruña concentra máis da metade das perdas económicas estimadas, seguida de Lugo, polo peso destas dúas provincias nas explotacións gandeiras e a superficie destinada a estas forraxes. As comarcas máis afectadas son as da Barcala-Xallas, Chantada e Deza. 

Tal e como advirte UUAA, o regreso das precipitacións, se acontecese, "permitiría favorecer o rebrote da herba e mellorar a produción dos vindeiros meses, pero non recuperaría os cortes nin o pasto que as explotacións xa deixaron de producir durante a primavera e o verán". 

As comarcas máis afectadas son as da Barcala-Xallas, Chantada e Deza

O que máis preocupa é a situación do maínzo forraxeiro, "especialmente delicada": hai unha maduración "moi acelerada" en moitas zonas polas temperaturas "extraordinariamente elevadas", pero as súas condicións impiden que poidan aproveitar a chegada da auga e aumentar a produción de gran e o contido en amidón. Xa que logo, a calidade do millo "xa non é recuperable". 

Cultivos afectados polo verme soldado © SLG

Perdas tamén no inverno

De cara ao futuro, UUAA tamén advirte de que ao reducirse a cantidade e a calidade do alimento que se pode almacenar cara ao inverno, moitas explotacións terán que incrementar as compras de alimentos durante os próximos meses, polo que o impacto económico "trasladarase aos custos de produción ata a seguinte campaña". 

A situación é grave no agro. Xa a principios do verán, o Sindicato Labrego Galego (SLG) advertiu das consecuencias do cambio climático, non só polo incremento lineal das temperaturas, senón nos impactos que se traducen en fenómenos meteorolóxicos cada vez máis extremos, dende vagas de calor máis frecuentes e prolongadas, precipitacións de grande intensidade, treboadas con pedrazo, períodos alongados de seca e a proliferación de pragas para os cultivos.

Nesta mesma semana, o SLG denunciou a “absoluta inacción” da Consellaría de Medio Rural ante "a seca que afoga as granxas". O sindicato leva esixindo dende 2020 "un grupo de traballo urxente para afrontar o cambio climático no agro, que xa está a provocar perdas significativas en boa parte do territorio". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.