A Xunta, responsable da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, vén de activar a alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Morte ata Arteixo. Tamén decidiu aplicar medidas equivalentes a un escenario de alerta no subsistema de Baiona, con encoro propio. En total, son 32 os concellos afectados.
A alerta supón "a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns" e podería mesmo haber "cortes de auga puntuais", segundo a Xunta
Ademais da alerta, hai outros 59 concellos da demarcación Galicia-Costa que están en prealerta. Mesma prealerta que se declarou hai tamén unha semana na Confederación Hidrográfica Miño-Sil, competencia do Estado, e que abarca a metade sueste do país. Segundo a Xunta, no resto de Galicia-Costa "mantense a situación de normalidade e segundo os datos de ocupación de comezos de agosto, os encoros de abastecemento se sitúan nun 72,74%, un 14,44% por debaixo do nivel que tiñan por estas mesmas datas o ano pasado".
Están en prealerta 59 concellos de Galicia-Costa e toda a demarcación Miño-Sil, mentres no resto os encoros de abastecemento están no 73%, un 14% por baixo do nivel de hai un ano
O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan de seca da demarcación Galicia-Costa para a xestión de situacións de escaseza conxuntural, sendo o último e máis elevado o de emerxencia. A Xunta salienta que a declaración da alerta "supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes". "Por exemplo, a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser preciso, aplicaríanse cortes de auga puntuais", sinala o Goberno galego.
En concreto, os 32 concellos afectados pola alerta son Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, da UTE río Lérez; Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns; e Baiona.
Canto aos concellos en prealerta, ademais de todos os da conca Miño-Sil, son os seguintes dentro das concas Galicia-Costa: Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza-Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar, da unidade do río Tambre e ría de Muros; Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo, da unidade do río Grande; Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz, do río Mendo e ría de Betanzos; e Alfoz, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro, da cunca río Landro e río Ouro.