A calor excesiva deixa de ser unha excepción en Galicia para ser a norma dos veráns. Os datos están ai: tan só no último mes, dende o comezo de xuño, as cidades galegas suman máis ou menos os mesmos días de altas temperaturas que se rexistran habitualmente nun ano completo
"Sempre fixo esta calor no verán". Os negacionistas do cambio climático adoita empregar a (deformada) memoria persoal para rexeitar a constatada sucesión de récords climatolóxicos dos últimos anos. Outras veces empregan como argumento un dato illado dunha xornada de calor, hai décadas, que implicaría que as temperaturas non subiron dende entón.
Pero os datos están aí e debuxan un nítido escenario de incremento dos valores medios (entre o 2022 e 2025 a temperatura media anual de Galicia é dous graos superior á que se rexistraba nos anos 70 e 80 do pasado século), de récords de temperatura cada vez máis altos e frecuentes (aínda que non cada ano se rompan) e, sobre todo, vagas de calor e episodios de altas temperaturas que se repiten cada vez máis. É dicir, non é tanto que faga máis calor (que tamén) senón que esta calor excesiva se repite cada vez máis días.
Pode que este verán no se acade en Galicia a máxima histórica (aínda que en lugares como Vigo si que xa o fixo), pero si que se pode superar o número de días de máis de 40 graos, de 35 graos ou de 30 graos. A calor excesiva deixa de ser unha excepción en Galicia para ser a norma dos veráns.
Santiago superou en catro ocasións os 35 graos; tan só no ano 2016 (6 días) a capital de Galicia tivo máis xornadas por riba dese nivel. Ferrol rexistrou xa máis de 10 xornadas por riba de 30 graos, algo que non sucedeu non vinte anos anteriores
Os datos están ai: tan só no último mes, dende o comezo de xuño, as cidades galegas suman máis ou menos os mesmos días de altas temperaturas que se rexistran habitualmente nun ano completo. Así, por exemplo, Santiago superou en catro ocasións os 35 graos (12 e 13 de xuño e 4 e 5 de xullo); tan só no ano 2016 (6 días por riba de 35 graos) a capital de Galicia tivo máis xornadas por riba dese nivel e en 2013, 2018, 2022 e 2025 tivo catro, os mesmos que acumula este ano ata o 6 de xullo, cando aínda queda o resto de xullo, todo agosto e setembro.
Máis espectacular aínda é o caso de Ferrol, que este ano rexistrou xa máis de 10 xornadas por riba de 30 graos, algo que non sucedeu non vinte anos anteriores. Houbo ademais dous días por riba de 35 graos (13 de xuño e 5 de xullo), igualando xa o récord acadado en 2006, 2017, 2018 e 2022.
Nas últimas dúas décadas A Coruña só sufriu nove xornadas por riba de 30 graos; tres deses días tiveron lugar nas últimas semanas. En Vigo tres xornadas superaron os 35 graos; tan só o 2018 (catro días) supera de momento esta cantidade
Tamén se baten récords na Coruña. Nas últimas dúas décadas a cidade herculina só rexistrou nove xornadas por riba de 30 graos na estación situada no dique do Porto (noutras estacións situadas máis no interior, coma a situada no aeroporto as temperaturas son maiores). Tres deses días tiveron lugar nas últimas semanas: 12 e 13 de xuño e 4 de xullo. Ampliando o foco mantense o carácter insólito dos datos. No último mes houbo seis días por riba de 27,5 graos. Nos últimos vinte anos tan só en 2011 e 2023 houbo máis días por riba dese nivel.
Vigo bateu hai uns días o seu récord histórico de temperatura máxima (39,12 graos o 3 de xullo). Pero, ademais, este último mes destacou pola repetición do número de días de calor excesiva: 3 xornadas superaron os 35 graos e tan só o 2018 (catro días) supera de momento esta cantidade.
En Pontevedra superáronse os 35 graos en dúas ocasións no último mes, os pasados xoves 2 e venres 3 de xullo. Trátase dun nivel pouco habitual. Tan só en 2010 (5 días), 2013, 2016, 2020 e 2022 superouse esa cifra.
En Lugo no último mes seis xornadas pasaron de 35 graos, a mesma cifra que en 2011, 2012 e 2022. Tan só o pasado ano 2025 superouse ese rexistro, con dez xornadas
Ourense é a cidade galega que máis calor sofre habitualmente. Pode que por iso non se perciba a situación actual como un cambio. Con todo, estamos a 6 de xullo e este ano xa se superaron os 35 graos en 15 ocasións. Nos últimos 15 anos a cifra media de xornadas por riba dese nivel cada ano é de 22. O récord corresponde ao pasado ano 2025, cando esa temperatura se superou en 48 ocasións e 12 días superaron os 40 graos. A tendencia é claramente de ascenso. Neste 2026 xa houbo dúas xornadas por riba de 40 graos, precisamente esta última fin de semana: 42,6 graos o sábado 4 e 42,5 o domingo 5.
A mesma análise pode facerse no caso de Lugo, outra cidade que nos últimos anos chegou a 40 graos. Este ano aínda non sucedeu, aínda que este domingo rexistrou 38,4 graos. No último mes seis xornadas pasaron de 35 graos, a mesma cifra que en 2011, 2012 e 2022. Tan só o pasado ano 2025 superouse ese rexistro, con dez xornadas.
O 2026 apunta a ser un verán de récord, tamén nos rexistros máximos. De momento, Vigo bateu xa o seu máximo histórido (39,1 graos) e A Coruña e Ferrol superaron o seu máximo nun mes de xuño (31,9 e 37,3, respectivamente). En todo caso, o resto de datos sitúanse todos moi preto dos máximos históricos para cada mes en todas as cidades, como se observa no gráfico anterior.
O mesmo se pode dicir doutras magnitudes, como as altas mínimas rexistradas en case todo o país nas últimas semanas, valores moi elevados que están a provocar, sobre todo no litoral, a recorrencia de noites tropicais (que non baixan de 20 graos en ningún momento) e tórridas (sempre por riba de 25 graos), que dificultan o sono e xeran problemas de saúde.