As capitais vascas suman 300 refuxios climáticos fronte á total ausencia en Galicia

Greenpeace reclama a apertura espazos públicos climatizados para loitar contra as altas temperaturas © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Concello da Coruña

Greenpeace publicou este xoves o informe Ciudades al rojo vivo, no que analiza a existencia destes espazos nas 50 capitais de provincia no Estado. Galicia carece deles, fronte ás redes que se están a poñer en marcha en Cataluña ou Euskadi

As vagas de calor e os episodios de altas temperaturas son cada vez máis frecuentes e a súa intensidade é cada vez maior por mor do cambio climático. Tamén en Galicia. En maio e xuño sufrimos xa varias semanas con récords de temperatura en moitas localidades. O fenómeno repetirase esa fin de semana na maior parte do país, anticipando un verán e un futuro inmediato no que a calor (e as súas consecuencias para a saúde) serán noticia e esixirán actuacións ás administracións. Por exemplo, coa creación de refuxios climáticos, de momento inexistentes en Galicia. O pasado mes de xaneiro anunciouse a creación en Ourense do primeiro espazo deste tipo.

Os refuxios climáticos son espazos en edificios públicos (bibliotecas, centros culturais, escolas, centros cívicos, igrexas...) ou no exterior (parques, xardíns...) que ofrecen confort térmico durante os periodos de altas temperaturas, ben porque están climatizados ou porque permiten estar a unha temperatura inferior grazas ao conter árbores ou espazos de sombra. Están pensados sobre todo para a infancia e para as persoas de maior idade, que son quen máis sofren os efectos das temperaturas elevadas.

Os refuxios climáticos son espazos en edificios públicos (bibliotecas, centros culturais, escolas, centros cívicos, igrexas...) ou no exterior (parques, xardíns...) que ofrecen confort térmico durante os periodos de altas temperaturas

Greenpeace publicou este xoves o informe Ciudades al rojo vivo, no que analiza a existencia destes espazos nas 50 capitais de provincia no Estado. No documento destaca a carencia de refuxios climáticos públicos nas catro capitais provinciais galegas, en contraste co que sucede noutras comunidades autónomas. Os refuxios climáticos son máis habituais en cidades de territorios meridionais ou mediterráneos que sofren altas temperaturas, como Barcelona, Murcia, Málaga ou Lleida. Pero, ollo, tamén son numerosos en zonas do norte, como o País Vasco (preto de 300 nas súas tres capitais provinciais) ou A Rioxa.

A organización ecoloxista destaca que só 1 de cada 3 capitais de provincia no Estado contan na actualidade con esta medida, con redes máis númerosas en Euskadi e Catalunya e a súa total ausencia en Galicia, Asturias, Cantabria, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias e Baleares.

"O verán que coñeciamos xa non existe. A calor é un problema de saúde pública que cada ano mata en España a miles de persoas e non estamos a responder á velocidade que o cambio climático nos impón, nin para frealo nin para adaptarnos aos seus impactos", alerta Greenpeace

"O verán que coñeciamos xa non existe. A calor é un problema de saúde pública que cada ano mata en España a miles de persoas e non estamos a responder á velocidade que o cambio climático nos impón, nin para frealo nin para adaptarnos aos seus impactos", alerta Elvira Jiménez, responsable de adaptación ao cambio climático de Greenpeace, que sinala que "os refuxios climáticos son unha medida efectiva a curto prazo para protexer ás persoas da calor extrema". 

Porén, estes son aínda moi escasos, o seu número non medrou suficientemente no último ano e, ademais, nalgunhas cidades "existen refuxios illados ou en número insuficiente, que non se consideran na análise ao non constituír unha rede que permita á poboación ter acceso a protección de forma equitativa". 

Alameda de Ourense © Turgalicia

O documento destaca que "o norte xa non é un destino para escapar da calor" pois "durante os momentos de altas temperaturas de maio e a onda de calor de xuño, as súas cidades destacaron polas constantes alertas vermellas sanitarias"

O documento destaca que "o norte xa non é un destino para escapar da calor" pois "durante os momentos de altas temperaturas de maio e a onda de calor de xuño, as súas cidades destacaron polas constantes alertas vermellas sanitarias" e a pesar diso "Oviedo, Santander, Lugo e Santiago non contan con ningún refuxio climático".

Greenpeace destaca que "horarios, espazos inadecuados e non ter en conta á cidadanía son o tres principais barreiras que lastran a efectividade dos refuxios climático". A organización subliña que estes espazos deben abrir todos os días da semana e durante todo o día (especialmente durante o mediodía e as tardes).

Greenpeace critica a existencia de refuxios sen zonas de descanso, auga ou, no caso de exteriores, sombra suficiente. Tamén existen espazos cuxa catalogación como refuxios "resulta cuestionable", como sucede coas estacións de transporte, ou sen gratuidade clara como mercados, museos e espazos comerciais. 

No caso dos espazos, critica a existencia de refuxios sen zonas de descanso, auga ou, no caso de exteriores, sombra suficiente. Tamén existen espazos cuxa catalogación como refuxios "resulta cuestionable", como sucede coas estacións de transporte, ou sen gratuidade clara como mercados, museos e espazos comerciais. 

En canto aos exemplos positivos, destacan, sobre todo en Cataluña, os microrrefuxios, espazos onde o pequeno comercio de barrio participa na protección da cidadanía de forma gratuíta. Outra boa práctica é a apertura de patios escolares á comunidade para o seu uso como refuxios, unha medida que, a pesar das limitacións de horario, "reforza a necesidade de adaptar os centros educativos para transformalos en verdadeiros refuxios climáticos polo seu potencial de protexer a todo un barrio máis aló das horas lectivas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.