Greenpeace detecta temperaturas de 27 graos en aulas de Ourense

Os vídeos e fotografías térmicas tomados en seis colexios e institutos "visibilizan as temperaturas insostíbeis que poñen en risco a saúde dos menores" © Greenpeace

Greenpeace vén de realizar un estudo en seis colexios e institutos de Alacante, Barcelona, Madrid, Ourense e Sevilla para documentar, mediante cámaras termográficas, as elevadas temperaturas que se viven estes días nos centros educativos

Nas últimas semanas vén falándose moito das condicións de temperatura que sofren o alumnado e profesorado de varias comunidades autónomas, como Madrid, Murcia, Andalucía ou a Comunidade Valenciana. Pero tamén en Galicia se dan estes problemas, sobre todo nas primeiras e nas últimas semanas de cada curso, unha situación que cada ano se agrava debido aos efectos do cambio climático.

Greenpeace vén de realizar un estudo en seis colexios e institutos de Alacante, Barcelona, Madrid, Ourense e Sevilla para documentar, mediante cámaras termográficas, as elevadas temperaturas que se viven estes días nos centros educativos. 

No caso galego, no instituto ourensán que visitou a organización ecoloxista as temperaturas mínimas nas aulas situáronse preto dos 27 graos, que é o límite legal establecido pola lexislación laboral para realizar traballos de carácter sedentario. No centro do patio, as zonas sen sombra superaron os 40 graos.

As temperaturas mínimas nas aulas documentadas en Ourense sitúanse xa preto dos 27 °C, límite legal establecido pola lexislación laboral para traballar © Greenpeace

No instituto ourensán que visitou a organización ecoloxista as temperaturas mínimas nas aulas situáronse preto dos 27 graos, que é o límite legal establecido pola lexislación laboral para realizar traballos de carácter sedentario. No centro do patio, as zonas sen sombra superaron os 40 graos

Greenpeace lembra que estudos científicos apuntan "a que a temperatura óptima para un bo rendemento escolar atópase ao redor dos 22 ou 24 graos" e que a partir dos 24 graos "redúcese progresivamente o rendemento por cada grao de aumento de temperatura". Ademais, subliña que "os menores son un colectivo especialmente vulnerábel á deshidratación, ao esgotamento por calor e á tensión térmica" pois "os seus mecanismos de termorregulación diante de temperaturas extremas non son tan eficientes como os das persoas adultas".

“A calor excesiva non é ningunha fonte de inspiración para ninguén. Provoca graves impactos na saúde, como esgotamento por calor e golpe de calor, entre outros. Alén do risco sanitario, ten efectos sobre a capacidade cognitiva, a concentración e a comprensión, o que pon en xaque a calidade do ensino”, di Elvira Jiménez, responsábel de adaptación ao cambio climático de Greenpeace.

Greenpeace lembra que estudos científicos apuntan "a que a temperatura óptima para un bo rendemento escolar atópase ao redor dos 22 ou 24 graos" e que a partir dos 24 graos "redúcese progresivamente o rendemento por cada grao de aumento de temperatura"

A entidade súmase ás peticións de familias e a comunidade educativa "para adaptar de forma sostíbel os centros e patios á calor". Neste senso, reclama "reformas estruturais de climatización eficiente e descarbonizada nos centros educativos para protexer os usuarios sen agravar o cambio climático". 

Así, propón instalar enerxía renovable e deseños pasivos (ventilación cruzada natural, protección solar, sistemas sostíbeis de climatización, illamento térmico…) para conseguir confort térmico, mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, mentres se reducen as emisións. A entidade salienta que se debe actuar a través de "plans autonómicos ambiciosos" e incidindo primeiro nos barrios máis afectados polas altas temperaturas.

No centro do patio, as zonas sen sombra superan os 40°C, alerta Greenpeace © Greenpeace

A entidade súmase ás peticións "para adaptar de forma sostíbel os centros e patios á calor". Neste senso, reclama "reformas estruturais de climatización eficiente e descarbonizada nos centros educativos para protexer os usuarios sen agravar o cambio climático"

Nos espazos exteriores, aposta pola "naturalización dos patios", unha solución "que non só achega frescura, senón beneficios físicos e cognitivos ao alumnado mediante o xogo na natureza". Propón solucións como maior cobertura verde e espazos de sombra (incluídas fachadas e azoteas) "para crear non só contornas máis frescas, senón que melloren o benestar e promovan a biodiversidade urbana". 

Greenpeace lembra que o cambio climático está a adiantar a chegada das altas temperaturas, que tamén chegan ata ben entrado o outono e que as vagas e episodios de calor se fan cada vez máis frecuentes e extremos.

Nos espazos exteriores, aposta pola "naturalización dos patios", unha solución "que non só achega frescura, senón beneficios físicos e cognitivos ao alumnado mediante o xogo na natureza"

Esta situación prolóngase mesmo alén do peche do curso, xa que moitos colexios seguen activos durante o verán para acoller campamentos, colonias ou mesmo clases, como é o caso da etapa de 0-3 anos, na que as escolas infantís permanecen abertas todo o mes de xullo, apunta.

A organización lembra que uns centros de ensino ben adaptados ás altas temperaturas poden convertese en axeitados refuxios climáticos para o seu uso comunitario se se decide abrilos ao barrio fóra do horario lectivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.