O risco da calor para a saúde pon máis de 80 concellos en alerta

Mapa de alertas por calor da Xunta para este 12 de xuño de 2026, sobre unha imaxe recente dun día solleiro na Coruña CC-BY-SA Praza.gal

A combinación de factores que activa os niveis de alerta por calor en Galicia ten en conta dende os propios datos de temperatura previstos ata as medias habituais en cada zona e as súas interaccións coa saúde das persoas en función de diversos criterios e fórmulas, contidas no plan que os regula. A súa aplicación vén de poñer en alerta vermella -a máis elevada- para este 12 de xuño unha quincena de concellos na provincia de Pontevedra e en nivel laranxa a toda a provincia da Coruña coa excepción das contornas da Barbanza e A Costa da Morte.

Nunha quincena de municipios do interior da provincia de Pontevedra prevense máximas superiores aos 35 graos combinadas con noites nas que as mínimas non baixen de 20

O Goberno galego explica que para este venres e sábado MeteoGalicia agarda "máximas que superen os 35 graos en moitos puntos do interior de Pontevedra", unha das denominadas zonas isoclimáticas nas que se organizan estas alertas. A causa é que un anticiclón ao norte da península ibérica "achega aire moi cálido de orixe norteafricana", dando lugar a esas máximas tan altas e tamén ao fenómeno das noites tropicais, isto é, cando as mínimas non baixan de 20 graos.

Alén das recomendacións xerais de autoprotección ante as altas temperaturas, a activación da alerta vermella implica a suspensión de toda a actividade deportiva federada e mais das actividades deportivas escolares do programa Xogade en espazos exteriores. Atinxe a todos os municipios neste nivel máximo: Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

A alerta laranxa atinxe toda a provincia coruñesa agás as contornas da Barbanza e A Costa da Morte e inclúe as cidades da Coruña, Santiago e Ferrol

Como amosa o mapa que acompaña estas liñas, a alerta laranxa esténdese pola practica totalidade dos concellos da provincia coruñesa e inclúe as cidades da Coruña, Santiago e Ferrol. A previsión do Goberno galego é que a situación se estenda dende este venres e tamén o sábado, cando "se combinarán elevadas temperaturas ao longo de todo o día tanto nas mínimas como nas máximas". "A situación de forte calor podería ir remitindo lentamente na xornada do domingo", agregan.

Grupos de risco e recomendacións de Sanidade

Como adoito, Sanidade, advirte de que en situacións coma esta "os principais grupos de risco" son as persoas maiores de 65 anos e menores de 4, especialmente bebés de menos de 12 meses. Tamén a poboación con patoloxías cardiovasculares, diabetes, problemas pulmonares e renais, Párkinson ou Alzhéimer. 

Unha parella co seu bebé paseando por Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Asemade, advirte da necesidade de vixilancia a quen estea a tomar medicamentos que interaccionan negativamente coa calor, persoas con peso excesivamente alto ou baixo ou quen consuma excesivo alcol. E, moi sinaladamente, persoas cuxa actividade laboral esixe "pasar varias horas en exteriores".

Sanidade lembra que os grupos máis vulnerables ás altas temperaturas son as persoas maiores de 65 anos e menores de 4

Os "principais consellos" seguen a ser "beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas". 

Ao tempo, Sanidade sinala a conveniencia da "roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire". E, sempre que sexa posible, "permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar os cuartos máis frescos da vivenda; durante o día baixar as persianas e pechar as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.