Campaña pola "climatización urxente" das escolas infantís: CIG-Ensino pide implicación a persoal e familias

Temperatura superior a 27 graos nunha escola infantil galega CC-BY-NC-SA CIG Ensino

A central sindical constata aulas con crianzas de 0 a 3 anos expostas a temperaturas superiores a 27 graos, urxe a instalación de aire acondicionado nos centros e a aprobación de "protocolos claros" ante a calor 

As sucesivas vagas de calor no contexto da crise climática están a evidenciar no noso país carencias ata hai pouco impensables en boa parte do territorio. Entre elas, as de equipamentos públicos especialmente sensibles que contan dende hai décadas con boas condicións de calefacción para soportar o frío do inverno, pero que se demostran moi vulnerables ás altas temperaturas.

É o caso de múltiplas escolas infantís, nas que o curso non finaliza como en colexios e institutos, a finais de xuño, senón que se estende durante o mes de xullo. Neste contexto, a CIG-Ensino vén de poñer en marcha unha campaña para "esixir a climatización urxente" de "todos" estes centros, reclamar que "Xunta, asociacións e empresas respecten a temperatura máxima" fixada pola normativa e, asemade, pedir a implicación do persoal e as familias para logralo.

Temperaturas por riba dos 25 graos no interior de escolas infantís nas últimas semanas CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Tras semanas recompilando testemuños e probas gráficas, o sindicato esgrime múltiples mostras de que nestas escolas con alumnado de 0 a 3 anos "se superan con frecuencia os límites térmicos legais máximos de 25 graos, humidade relativa, velocidade do aire e concentracións de dióxido de carbono. Ou, dito doutro xeito, está a poñerse en risco a saúde das traballadoras e das nenas e nenos".

Os "plans de continxencia", advirten, deben contemplar "zonas climatizadas seguras" en todas as escolas

Alude a CIG Ensino á lexislación laboral estatal para subliñar que nas aulas en xeral e nas oficinas "a temperatura máxima non pode superar os 27 graos" e en "áreas onde se realiza actividade física moderada ou en contornas vulnerables como as escolas 0-3, onde os menores non regulan a temperatura corporal como un adulto", recoméndase "non superar os 25 graos". Por iso, advirten, cando se supere este limiar "deben entrar en funcionamento plans de continxencia" con medidas concretas "a medida que vaian incrementándose as temperaturas".

Así, sinalan, o sindicato propón á Consellería de Política Social e aos concellos -responsables das escolas públicas- así como a asociacións e empresas -das privadas- instalar "sistemas de climatización, con aire acondicionado ou refrixeración sostibles en todos os centros que carezan deles". E ao tempo, "crear protocolos claros de actuación inmediata para cando se rexistren temperaturas extremas".

Rexistros da calor en instalacións dunha escola infantil CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Neses plans, resaltan, deben contemplarse habilitacións de "zonas climatizadas seguras". "Como é imposible suspender a actividade, teñen que estar habilitadas en todos os centros para que en función da temperatura, as persoas traballadoras e as crianzas as ocupen por quendas e cada certo tempo". E tamén "incluír o estrés térmico por calor dentro das avaliacións de riscos laborais de cada escola".

CIG-Ensino advirte de que denunciará na Inspección de Traballo "se os responsables dos centros non toman as medidas axeitadas"

No que atinxe á petición de colaboración, CIG-Ensino solicita a persoal e familias probas "para poder tramitar denuncias ante a Inspección de Traballo. Farano "sempre que os responsables destes centros non tomen as medidas axeitadas". 

Así, solicitan "medir a temperatura cun termómetro dentro das aulas, anotar os datos -día, hora e espazo-, sacar unha fotografía do termómetro como proba visual" e remitilo todo á central sindical. "Ademais da denuncia formal pola vía legal, a CIG-Ensino denunciará publicamente na rúa e diante da escola afectada, este incumprimento normativo e informará as familias", advirten.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.