O BNG urxe a Xunta un plan para a crise climática alén de sinalala como "fonte de negocio"

Vista de Monforte, unha das localidades máis afectadas polas últimas vagas de calor, este 6 de xullo de 2026 e mapa de temperaturas máximas deste día 5 CC-BY-SA MeteoGalicia | Montaxe: Praza.gal

"Non se pode ignorar nin minimizar a gravidade da situación". Tras dúas vagas de calor en menos dun mes, o BNG coida que os feitos demostran que o Goberno galego "está a velas vir diante dos efectos do cambio climático" malia seren "máis que evidentes" no país e úrxeo a aprobar un "plan de choque" ao respecto.

Advirte o vicevoceiro parlamentario da formación nacionalista, Luís Bará, que "os fenómenos meteorolóxicos extremos como as ondas de calor das últimas semanas" son cada vez máis recorrentes. Mostra disto, resalta, é que están a suceder despois dun verán, o de 2025, que "foi o máis cálido da serie histórica" e "os catro últimos, os máis calorosos" segundo os datos oficiais.

Luís Bará, vicevoceiro parlamentario do BNG, este 6 de xullo de 2026 en conferencia de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Fronte a estas circunstancia, lamenta, "a actitude do Goberno de Rueda resúmese a entender o cambio climático como unha fonte de negocio para determinado tipo de empresas". Cando o que cómpre é "tomar en serio os riscos asociados á emerxencia climática", porque "son necesarios máis ca consellos".

O Bloque insta a creación dun "comité especial fronte á emerxencia climática" que tome medidas como "regular horarios de traballo, adaptar vivendas, espazos urbanos con infraestruturas verdes ou unha rede de refuxios climáticos"

Nese sentido, o Bloque promove "a creación dun comité especial fronte á emerxencia climática" que canalice accións concretas en "cinco ámbitos prioritarios: saúde, economía, biodiversidade, emerxencias e incendios". E pasan, exemplifica, por "regular horarios de traballo, a adaptación de vivendas e axudas para a súa climatización, actuación en espazos urbanos con infraestruturas verdes ou a creación dunha rede de refuxios climáticos similar" á de Euskadi.

Do mesmo xeito, advirte, o BNG ve preciso "mellorar o sistema de atención ás emerxencias asociadas a fenómenos meteorolóxicos" porque "o que hai agora quedou obsoleto". E ao carón disto, "un gran esforzo de concienciación social e traballar en colaboración coas universidades e organismos científicos para abordar o desafío que supón o cambio climático".

Temperaturas máximas rexistradas por MeteoGalicia este pasado domingo, 5 de xullo de 2026 CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Mapa: MeteoGalicia

Ao tempo, resalta Bará, "a alternativa nacionalista inclúe medidas no ámbito económico", toda vez que xa hai "estudos que advirten dunha contracción do PIB por causa do cambio climático". No caso galego, resalta, abonda saber "o que está pasando nas rías, cunha perda de produtividade que en parte ten relación" con este fenómeno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.