Máis de media Galicia en prealerta por seca

Encoro de Lindoso afectado pola seca, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza.gal

Máis de media Galicia en prealerta por seca. A falta de choivas nos pasados xuño e xullo, onde Galicia superou récords de temperatura e sufriu as consecuencias de varias vagas de calor, e o inicio dun agosto con escasa auga provoca que os ríos e encoros sufran as consecuencias. 

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil declara a prealerta en todos os concellos galegos da súa demarcación, que se unen aos 32 da conca Galicia-Costa que xa o estaban

Así, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) decidiu declarar en prealerta por seca toda a demarcación agás a do Sil superior, no Bierzo, entrando en vigor unha situación de risco e precaución que xa leva en vigor en varios concellos da conca Galicia-Costa, competencia da Xunta. 

Son, en concreto, 32 os municipios que desde hai semanas se atopan en prealerta tras a decisión da Xunta, que situou tamén Baiona en seguimento. Agora esta condición engádese a todos os concellos da demarcación da CHMS, abranguendo gran parte das provincias de Lugo e de Ourense e o sur e centro da de Pontevedra, incluíndo aí as áreas metropolitanas lucense e ourensá e localidades como Monforte, Tomiño, O Porriño, Tui ou Mos. 

Vista da cidade de Ourense © Turismo de Ourense

Esta situación de prealerta implica aplicación de máis medidas de vixilancia e control, ademais de advertir á cidadanía da necesidade de aforrar auga e restrinxir usos non esenciais desta, evitando baldear rúas, rego de xardíns ou campos deportivos, anular fontes e evitar o enchido de piscinas. 

As precipitacións recollidas na demarcación desde marzo caeron case un 50% con respecto ao pasado ano

Os datos non enganan. Segundo informa a CHMS, as precipitacións recollidas desde que rematou en febreiro a acumulación de borrascas foron moito máis baixas do habitual, case dun 50% menos entre marzo e xullo. De aí que se chame a un uso responsable e sostible da auga, unha petición que será levada a cabo oficialmente nos vindeiros días. 

Doutra volta os efectos da crise climática, que deixaron chuvias máis intensas e abundantes do normal entre novembro e febreiro —especialmente nos primeiros meses do ano— para dar paso logo á primavera máis seca en Galicia nos últimos 36 anos e a un verán de récord de temperaturas

O resultado é que a situación dos encoros a pasada semana na demarcación Galicia-Costa era de pouco máis do 76% de ocupación media, o peor dato dos últimos 15 anos, mentres que na CHMS a finais de xullo situábase algo por riba do 81%, máis de dez puntos por baixo ca no mesmo período do pasado ano. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.