Segundo MeteoGalicia, foi tamén un período moi cálido cunha temperatura media 1,4 graos superior ao habitual
A primavera climatolóxica deste 2026, os meses de marzo, abril e maio, foi a máis seca desde o ano 1990, segundo un informe de MeteoGalicia divulgado este mércores pola Xunta. En concreto, a precipitación media para as 16 estacións de medición foi de 160 litros por metro cadrado, que é un 46% inferior ao esperado para esta época. "Pode considerarse como moi seca e, ademais, é a cuarta máis seca desde que hai rexistros", salienta a Xunta.
No detalle, as maiores cantidades de precipitacións recolléronse na franxa atlántica e nas zonas montañosas do leste con valores entre 225 e 260 litros por metro cadrado, mentres que os rexistros máis baixos localizáronse en Valdeorras, o interior de Lugo e no Golfo Ártabro, con entre 115 e 130 litros por metro cadrado.
O informe sinala que cada un dos tres meses foi "moi cálido", e maio ademais rexistrou a temperatura da auga do mar máis alta nesa época
Canto ás temperaturas, a primavera de 2026 considérase moi cálida cun valor medio de 13,7 graos, o que representa unha anomalía de 1,4 graos con respecto ao habitual neste período. A Xunta salienta que nos tres meses deste período rexistráronse temperaturas por riba do agardado. "De feito, foron moi cálidos", di.
En marzo foron altos tanto os valores máximos como os mínimos debido á situación anticiclónica da segunda metade do mes. Tamén en abril se rexistraron valores máximos superiores ao habitual pola frecuente aparición de situacións anticiclónicas que arrastraban aire cálido procedente do norte de África. No caso de maio, foi un mes fragmentado en dúas partes. Ata o día 19 os valores foron baixos, pero a partir do 20 a chegada dunha masa de aire moi cálido continental propiciaba un ascenso térmico".
O mes de maio xa rexistrara outro récord, o da temperatura da auga do mar máis alta nesa época.