Vivenda máis cara ca nunca: o prezo de compra en Galicia supera o máximo da burbulla inmobiliaria

Evolución trimestral dos índices de compra de vivenda en Galicia sobre a imaxe da fachada dun edificio na Coruña © Montaxe: Praza.gal

Os prezos da vivenda de segunda man (a máis habitual nas transaccións de compra-venda) superan xa o nivel máximo que se rexistrara a finais de 2007

Mercar unha vivenda en Galicia xa é máis caro que xusto antes de que estoupase a burbulla inmobiliaria en 2008, o que é o mesmo que dicir que é máis caro ca nunca. O INE publicou este venres o índice de prezos da vivenda correspondente ao cuarto trimestre do ano 2025, completando a información para o conxunto do pasado ano. 

Hai tempo que os prezos da vivenda nova superaron os niveis acadados antes da crise inmobiliaria. Pero os datos coñecidos hoxe confirman que tamén os prezos da vivenda de segunda man (a máis habitual nas transaccións de compra-venda) superan xa o nivel máximo que se rexistrara a finais de 2007. Tamén o fai amplamente o índice xeral, que recolle os datos de todas as vivendas, novas ou non.

En realidade, o índice de segunda man bateu o récord histórico no terceiro trimestre de 2025 e o índice xeral fíxoo xa a finais de 2024. Porén, é a primeira vez que o índice anual de compra de vivenda de segunda man supera o máximo acadado en 2007.

En paralelo a este encarecemento do prezo de compra, continúa a suba dos prezos do alugueiro (agás na Coruña ao ter sido declarada zona tensionada), co resultado de que, paradoxalmente, resulta máis barato pagar a cota media dunha hipoteca que pagar un arrendamento.

O pasado ano o prezo da vivenda de segunda man subiu un 13,3% en Galicia, superando o anterior máximo (+9,7% en 2007)

O ano 2025 non só marca un novo máximo histórico no prezo da vivenda de segunda man, senón que tamén supón un récord no ritmo de encarecemento. O pasado ano o prezo da vivenda de segunda man subiu un 13,3% en Galicia, superando o anterior máximo (+9,7% en 2007). Tamén se supera o récord no aumento dos prezos xerais de compra de vivenda -nova ou non-, cunha suba do 12,9%, fronte ao +11,4% de 2007.

O prezo de compra da vivenda nova aumentou un 10,4% en 2025, o que supón a súa maior suba nos últimos anos, pero sen chegar ao ritmo de encarecemento que se daba no ano 2007 (+12,6%)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.