Propietarios por herdanza: un milleiro de vivendas pasan aos fillos cada mes en Galicia

Evolución anual do número de vivendas herdadas en Galicia sobe unha imaxe dun edificio no barrio vigués de Coia © Montaxe: Praza.gal

No ano 2007 o 58% das persoas entre 16 e 29 anos e un 74% das que tiñan entre 30 e 44 vivían nunha casa da súa propiedade. Hoxe esta porcentaxe é do 30% para as persoas de 16 a 29 anos e do 53% no grupo de idade seguinte

A vivenda está a virar no principal factor de desigualdade económica. A escalada de prezos -de compra e de alugueiro- dificulta para moitas persoas o acceso a un inmoble en condicións dignas e, sobre todo, converte en imposible o obxectivo de ser propietario para moitos, nomeadamente para as novas xeracións. 

Non sempre foi así. De feito, ata hai pouco o habitual era que cando unha persoa estabilizaba a súa situación laboral (unha estabilidade que tamén foi diminuíndo nos últimos anos) e familiar ("o casado casa quere") accedese a unha vivenda en propiedade, principalmente a través dunha hipoteca.

No ano 2007 o 58% das persoas entre 16 e 29 anos vivían nunha casa da súa propiedade, unha porcentaxe que chegaba ao 74% no caso das persoas entre 30 e 44 anos, con datos correspondentes ao conxunto do Estado. Na actualidade, esta porcentaxe é do 30% para as persoas de 16 a 29 anos e do 53% no grupo de idade seguinte.

Os seus pais e nais si son propietarios, de xeito que no grupo de idade de 45 a 64 anos residen en vivendas da súa propiedade o 75% (un pouco menos ca no 2007: 83,8%) e a porcentaxe elévase ata o 88% nos maiores de 65 anos, unhas décimas máis que en 2007. 

A vivenda está a virar no principal factor de desigualdade económica. A escalada de prezos dificulta para moitas persoas o acceso a un inmoble en condicións dignas e, sobre todo, converte en imposible o obxectivo de ser propietario para moitos, nomeadamente para as novas xeracións

O 76% dos galegos e galegas residen en vivendas da súa propiedade (non hai datos segmentados por idade), unha porcentaxe que só a partir de 2021 (82,1%) comezou a decrecer un chisco e que se sitúa un pouco por riba da media do Estado. Un país de propietarios que abrangue 840.000 fogares.

Esta é a situación de partida: por unha banda unha xeración (ou varias xeracións) de propietarios de máis idade e pola outra unha xeración nova con grandes dificultades de acceso á vivenda e, en moitos casos, coa total imposibilidade de facerse cun inmoble en propiedade. Ata que chega o falecemento de pais e nais e a conseguinte herdanza.

Cada mes case un milleiro de vivendas pasan de pais e nais a fillos e fillas a través de herdanzas. No conxunto do ano 2025 foron 11.540, máis do dobre que no ano 2014

Cada mes case un milleiro de vivendas pasan de pais e nais a fillos e fillas a través de herdanzas (en xaneiro ou en outubro foron máis de mil). No conxunto do ano 2025 foron 11.540, un récord absoluto nunha tendencia de ascenso que se acelerou a partir de 2014; dende entón a cifra anual máis que se duplicou. 

A estatística, crecente, revela un proceso de transmisión patrimonial e de riqueza entre xeracións. O fenómeno, estudado a nivel do conxunto do Estado, vai supor unha transferencia entre xeracións de entre catro e seis billóns de euros en propiedades. Para moitas persoas este proceso é a súa mellor oportunidade para se converter en propietaria dunha vivenda. Para outras supón un engrosamento dun patrimonio xa considerable. Porque hai propietarios de moitas clases, o que amosa que as grandes diferenzas e desigualdades non se dan entre xeracións, senón entre ricos e pobres dentro de cada grupo de idade.

Non é o mesmo herdar unha vivenda valorada nun millón de euros e situada na Juan Flórez da Coruña ou na Gran Vía viguesa que recibir un piso ou unha casa en malas condicións nun concello rural. Non é o mesmo un chalet con piscina en Oleiros ou Nigrán que unha casa de aldea no interior de Lugo ou Ourense. E non é o mesmo herdar unha vivenda que herdar catro. 

A estatística revela un proceso de transmisión patrimonial e de riqueza entre xeracións. Pero isto non necesariamente implica unha redución das desigualdades. Non todo o mundo herda e hai quen herda unha vivenda e hai que herda varias e, ademais, de moito maior valor

Ademais, non todo o mundo vai herdar. De xeito que o proceso de transferencia de patrimonio entre xeracións pode ser visto como un mecanismo de amplificación de desigualdades. Jaime Palomera destacaba nesta entrevista que "vai ser unha transferencia que vai disparar a desigualdade, porque xa sabemos que as herdanzas van ir por barrios. Vai haber unha parte da sociedade que vai herdar e outra que non. Cada vez que preguntamos nas grandes cidades á xente que agora vive de aluguer se vai herdar, vemos que un 70% non espera facelo. E en cambio vai haber outros que van herdar non unha senón varias vivendas. E iso vai definir traxectorias vitais dunha maneira moi intensa".

"A gran fenda que temos agora non é entre xeración baby boomer e os que veñen detrás, millenials e Z, senón que a gran fenda que estamos a ver é entre quen están a concentrar cada vez máis propiedades e quen non poden nin soñar en comprarse unha soa casa para vivir nela", engadía Palomera.

Que sucede con estas vivendas herdadas por unha xeración máis nova? Ás veces pasan a ser a vivenda familiar, pero outras entran no reducido mercado do alugueiro e en moitas outras ocasións fican baleiras

Os datos sobre transmisións de vivenda en Galicia amosan que as herdanzas gañan progresivamente peso sobre outro tipo de mecanismos e -malia o incremento dos procesos de compravenda nos últimos anos- supoñen case a metade destas. É dicir, por cada dúas vivendas que se mercan en Galicia case se herda unha (27.035 mercadas, 11.540). Ourense é a provincia na que a relación entre vivendas mercadas/vendidas e herdadas está máis prixima (2.876 fronte a 1.372).

Que sucede con estas vivendas herdadas por unha xeración máis nova? En ocasións convértense na vivenda familiar de persoas que ata ese momento non tiñan inmoble ningún en propiedade e que, deste xeito, viran en propietarios. Outras veces pasan a engrosar o patrimonio inmobiliario máis ou menos modesto ou máis ou menos grande de familias que xa eran propietarias e que deste xeito se converten en multipropietarias, con dous, tres ou catro vivendas no seu haber.

Os inmobles herdados, nestes casos, funcionan ás veces como segunda residencia (a casa da aldea, por exemplo, para visitas ocasionais). Outras veces pasan a incrementar o reducido parque de alugueiro actualmente existente, sendo as herdanzas a base dunha parte do rendismo popular (uns 200.000 caseiros) que funciona en Galicia. Porén, noutras ocasións (e por motivos diversos) as vivendas herdadas o que incrementan é a inxente cifra de inmobles baleiros de Galicia: máis de medio millón en total e preto de 90.000 só nas sete cidades.

Cómpre lembrar que en Galicia as transmisións patrimoniais por herdanza entre pais/nais e fillos/as están practicamente exentas do imposto de sucesións ata unha cantidade dun millóns de euros. Ademais, se na herdanza entra un inmoble que era a vivenda habitual e ten un valor que non supere os 600.000 euros, esta practicamente non contará para o cálculo do imposto, ao aplicarse unha redución superior ao 95%. Unha vivenda recibida nunha herdanza si obriga, por suposto, ao pagamento doutros impostos, coma o IBI ou a plusvalía municipal, que grava o incremento do valor da propiedade.

Os predios urbanos transmitidos a través de herdanza pasaron de pouco máis de oito mil no ano 2014 a preto de vinte mil na actualidade

A importancia das herdanzas na transmisión patrimonial revélase tamén nos datos sobre transmisión de predios urbanos e rústicos, aínda que isto non teña unha relación inmediata co acceso á vivenda. Os predios urbanos transmitidos a través de herdanza pasaron de pouco máis de oito mil no ano 2014 a preto de vinte mil na actualidade. 

No caso dos predios rústicos o crecemento foi menor: de nove mil en 2014 a unhas 12.500 no ano 2025. Dende hai case dúas décadas transmítense máis predios rústicos por herdanza que por compravenda. Entre os urbanos, en cambio, son ampla maioría as operacións de compravenda, en ascenso dende o ano 2016 e preto xa do nivel que rexistraban no ano 2008, xusto no estoupido da crise da Gran Recesión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.