Manifestacións polo dereito á vivenda nas principais cidades galegas

Manifestación en Vigo este venres en defensa do dereito á vivenda © Plataforma Galega Vivenda Xa!

As mobilizacións esixen das administracións medidas para abaratar os alugueiros, limitar a especulación, incrementar o número de inmobles públicos ou o control dos pisos turísticos

Diversos colectivos convocaron esta fin de semana manifestacións polo dereito á vivenda nas principais cidades galegas. Unhas concentracións que chegan logo de que o Instituto Galego de Estatística (IGE) veña de actualizar os seus datos sobre vivenda da enquisa estrutural a fogares, que reflicten que o lugar no que vivir é unha carga "pesada" para a maioría dos fogares de alugueiro en Galicia. Tamén sinalan que a porcentaxe de fogares en vivendas alugadas supera por primeira vez á de residentes en vivendas con hipoteca. 

Manifestación na Coruña este sábado en defensa do dereito á vivenda CC-BY-SA BNG A Coruña

Ante a crise da vivenda, as mobilizacións desta fin de semana esixen das administracións medidas para abaratar os alugueiros, limitar a especulación, incrementar o número de inmobles públicos ou o control dos pisos turísticos.

A primeira manifestación pola vivenda da fin de semana celebrouse na tarde deste venres en Vigo, convocada baixo o lema 'A vivenda cústanos a vida' pola Alianza pola Vivenda, conformada por organizacións de todo tipo, dende colectivos específicos (Plataforma Galega Vivenda Xa!, Sindicato de Inquilinas Vigo), sindicatos (CIG), entidades veciñais (Asociación Veciñal de Teis), grupos ecoloxistas (Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Ecoloxistas en Acción, Árbore, Verdegaia), e outros movementos sociais, como o Sindicato Estudantil Fervenza, Amnistía Internacional, o Foro Socioeducativo As Ninguéns ou o Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN).

Manifestación na Coruña este sábado en defensa do dereito á vivenda CC-BY-SA BNG A Coruña

 "Esta situación non é casual nin inevitable, senón o resultado de políticas que favoreceron a especulación inmobiliaria durante anos", din os convocantes na Coruña

Xa este sábado ao mediodía houbo manifestacións ou concentracións tamén na Coruña, Ourense ou Santiago. A da Coruña, convocada pola Plataforma Polo Dereito á Vivenda e o Sindicato de Barrio da Falperra. Os colectivos convocantes denuncian que esta situación "non é casual nin inevitable, senón o resultado de políticas que favoreceron a especulación inmobiliaria durante anos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.