Unha condena á Xunta súmase agora ás irregularidades detectadas polo Consello de Contas na ponte da ría de Noia

Inauguración da ponte sobre a ría de Noia en 2014 e condena á Xunta a pagar 14.000 euros de xuros á construtora CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego terá que pagar 14.000 euros de xuros por unha obra de 33 millóns na que obtivo unha rebaixa de só 4,53 euros por parte da adxudicataria tras mudar os criterios do concurso con este xa iniciado

A ponte sobre a ría de Noia inaugurada en xullo de 2014 polo presidente Feijóo apenas unhas semanas despois de que Agustín Hernández deixase de ser conselleiro de Infraestruturas era un vello proxecto que os dous xa tiñan sobre a mesa cando eran respectivamente conselleiro e director xeral na Xunta de Manuel Fraga. O bipartito de PSdeG e BNG aparcouna e deseñou unha circunvalación da vila por terra, pero ao volver á Xunta o PP recuperouna e comezou as súas obras en pouco máis dun ano. Fíxoo tras un proceso de contratación no que o Consello de Contas determinou que a Xunta modificou os criterios de adxudicación co concurso público xa iniciado. 

Aquela adxudicación de 2010 foi parar a Puentes y Calzadas, empresa na que traballara Hernández cando o PP estivo na oposición e cuxa oferta, fronte ás rebaixas moi superiores que ofrecían outras empresas, apenas reduciu 4,53 euros o custo dunha obra de preto de 33 millóns de euros. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena á Xunta a pagar a Puentes y Calzadas preto de 14.000 euros de xuros por aquela obra. E desvela que a ponte foi inaugurada un mes antes de que a Xunta recibise oficialmente os traballos de mans da construtora.

O Consello de Contas constatou que a Xunta variou os criterios de valoración das ofertas co concurso para construír a ponte de Noia xa iniciado CC-BY-SA Praza Pública

Cando Agustín Hernández volveu á Consellería de Infraestruturas como o seu titular en 2009 tardou apenas medio ano en licitar a construción da ponte sobre a ría de Noia que xa planificara como director xeral ata a chegada do bipartito en 2005. Aquel concurso público, ao que se presentaron 20 empresas, foi fiscalizado anos despois polo Consello de Contas, que determinou que, co proceso xa iniciado, “introducíronse no informe de valoración [das ofertas presentadas] pequenas variacións coa creación de novos apartados que afectan ao plano de control de calidade e ao programa de obras, ou variando a puntuación dos apartados, alterando en definitiva os criterios de puntuación dos expedientes”.

A ponte foi inaugurada por Feijóo o 4 de xullo de 2014 pero agora a sentenza revela que non foi recibida pola Xunta como oficialmente rematada ata un mes máis tarde

O resultado daquel proceso foi que a obra, licitada por preto de 33 millóns de euros (sen ter en conta o IVE), en concreto por 32.977.979,53 euros, foi adxudicada á oferta presentada por Puentes y Calzadas por 32.977.975,00 euros. Isto é, a empresa gañadora, ao contrario do que adoitan facer a maioría das candidatas en todo tipo de concursos e como fixeran as outras competidoras nese proceso, apenas rebaixou 4,53 euros nunha obra de preto de 33 millóns. Fíxose co concurso porque, fronte á maior puntuación obtida polas outras competidoras nos apartados económicos grazas ás súas rebaixas, a oferta de Puentes y Calzadas foi considerada a mellor nos apartados técnicos para acometer o tipo de deseño concreto de ponte elixido previamente pola Consellería de Infraestruturas.

Importes de licitación e de adxudicación da ponte de Noia, cunha rebaixa por parte da construtora de apenas 4,53 euros nunha obra de preto de 33 millóns CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta tardou un ano en aprobar a liquidación do proxecto tras rematarse a obra e non a pagou ata tres anos despois

O contrato foi asinado en xuño de 2010 e malia que a licitación establecía un prazo máximo de execución de tres anos, houbo que agardar un ano máis, con dúas modificacións polo medio, ata que a ponte foi inaugurada o 4 de xullo de 2014. Porén, segundo reflicte unha sentenza que vén de emitir o TSXG, as obras foron recibidas pola administración “o día 1 de agosto de 2014”, un mes máis tarde. 

E non sería ata outro ano máis adiante, en setembro de 2015, cando a Xunta aprobou a liquidación do proxecto, tras unha revisión dos prezos das obras que sumaron outros 973.000 euros a favor da empresa. O pagamento desa liquidación non se realizaría aínda ata outros dous anos despois, en setembro de 2017, “tres anos despois da recepción das obras ás que se refería, e máis de cinco anos despois da emisión da primeira certificación de obra afectada pola revisión de prezos”, sinala a sentenza.

Tras reclamar a empresa na vía administra os xuros polo atraso no pagamento, en febreiro de 2018 a Xunta aceptou ter unha débeda con ela de algo menos de 1.300 euros, pero a empresa recorreu á vía xudicial reclamando 345.000. Agora, tras dirimir a Xustiza as discrepancias existentes sobre as datas a partir das que contar os xuros, o TSXG vén de condenar á Xunta a pagar a Puentes y Calzadas 13.943,58 euros por aquel atraso. A contía son 13.939,05 euros máis que os 4,53 euros de rebaixa logrados no concurso público de hai dez anos.

Feijóo na inauguración da ponte de Noia o 4 de xullo de 2014, un mes antes de que a Xunta recibise oficialmente a obra como rematada CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.