Contas reprocha que a Xunta abuse dos cartos para imprevistos por facer orzamentos pouco "realistas"

Feijóo conversa co conselleiro de Facenda no Consello da Xunta © Xoán Crespo

Os fondos existentes nas contas públicas para atender imprevistos non poden servir, recorrentemente, para atender gastos que si son previsibles. En caso contrario, é que parte do labor orzamentario non se está a realizar como debera, e isto é o que acontece na Xunta. É a conclusión á que vén de chegar o Consello de Contas tras analizar a conta xeral da Xunta correspondente ao ano 2014. O organismo fiscalizador detecta unha "deficiente orzamentación", pouco axustada á realidade, que levou o Goberno galego a botar man da caixa das emerxencias para sufragar gastos que, en rigor, deberan estar contemplados en partidas ordinarias.

Contas chega a esta conclusión a partir da análise das modificacións aplicadas sobre os Orzamentos aprobados no Parlamento. Nese ano "o importe das modificacións orzamentarias representa o 6,83% dos orzamentos iniciais" e, se ben a súa contía diminúe en case un 40% a respecto de 2013, o informe subliña, por exemplo que a Administración volveu recorrer a ampliacións de créditos, neste caso en algo máis de 68 millóns de euros, "para os mesmos conceptos que en anos anteriores". E fíxoo "sen que se cumpran as condicións de imprevisibilidade esixidas para as mesmas", procedendo "en contra da normativa aplicable".

O Goberno usa os fondos de imprevistos para cubrir gastos que "son obxecto dunha deficiente orzamentación, por escasamente realista"

Neste contexto, a fiscalización "constata" un "uso excesivo" do programa de "imprevistos e funcións non clasificadas" e exemplifícao co uso dado ao fondo de continxencia, o que os orzamentos inclúen para atender emerxencias. A Xunta, di, "lonxe" de empregar este fondo para "a atención de gastos imprevistos e non discrecionais", como corresponde, emprégao "para a cobertura de gastos, principalmente gasto corrente", que previamente "son obxecto dunha deficiente orzamentación, por escasamente realista". Así, "mediante transferencias de crédito" ou "ao abeiro da súa cualificación como ampliables", estes gastos "son reiteradamente orzados á baixa para dotalos do crédito necesario ao longo do exercicio, ás veces mesmo en base a estimacións e non a necesidades xurdidas". Un exemplo "salientable" desta práctica, indica, é o gasto farmacéutico.

A ampliación reiterada do programa de imprevistos é usada pola Xunta para "eludir as limitacións" da lei de orzamentos, di Contas

O Consello de Contas lánzalle, neste punto, unha advertencia ao Goberno. As transferencias de fondos cara ao programa de imprevistos son unha excepción dentro das "limitacións xerais" da lei de réxime financeiro e orzamentario, pero "a utilización deste programa non debe servir para eludir as limitacións" que o propio Goberno fixa na lei de orzamentos. "As transferencias dende os capítulos de gasto de capital", os de investimentos, "cara ao programa de imprevistos" para "ser destinados inmediatamente" a gasto corrente "supón unha utilización inadecuada deste programa" que, "lonxe de atender imprevistos, está a ser usado como ferramenta que posibilita eludir as limitacións orzamentarias".

Desprazamento de gastos ao ano seguinte

Aínda que con importes "significativamente" menores que en exercicios anteriores, Contas volve verse obrigada a sinalar como "deficiencia a respecto da regularidade contable e legal" nos orzamentos da Xunta o feito de que se "deixaron de contrar orzamentariamente obrigas que deberon recoñecerse, por corresponderse a gastos realizados no exercicio", pero desprazados para atender en exercicios seguintes. Mentres, houbo que atender gastos que viñan de anos anteriores e que foron desprazados. Nomeadamente, Contas rexistra 285,97 millóns en gastos de anos previos atendidos en 2014, e 203,13 gastos de 2014 non contabilizados como tales.

A Xunta segue a desprazar facturas aos anos seguintes, pero nun importe "significativamente" menor ao de anos anteriores

"Isto -reitera o Consello- supón o incumprimento do principio de anualidade orzamentaria" que marca a lei, pero "supón ademais que anualmente parte dos créditos aprobados no exercicio corrente se atopen comprometidos por gastos de anos anteriores". Esta práctica rexístrase de forma especialmente "relevante" no Servizo Galego de Saúde, organismo no que a "a información que ofrece a liquidación do orzaemnto vén condicionada pola reiterada asunción de compromisos do exercicio anterior e a xeración de obrigas que non son obxecto de recoñecemento no exercicio", destaca.

O novo hospital de Vigo supón un compromiso de gasto de case 1.400 millóns a pagar ata 2035

Alén dos gastos desprazados, os informes entregados este venres no Parlamento analizan tamén os compromisos de gasto xa formalizados para exercicios futuros, uns 12.000 millóns de euros dentro dos que destacan os máis de 2.400 do Sergas. Na sanidade pública máis da metade dese gasto xa comprometido deriva da concesión público-privada do novo hospital de Vigo, 1.363 millóns de euros a pagar dende 2015 e ata 2035. Xunto a el, nun importe moito menor, figuran os 75 millóns da central loxística, que se pagarán ata 2022.

O gasto farmacéutico é posto por Contas como exemplo de pouca previsión CC-BY-SA Xornal Certo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.