"Boas palabras, poucas concrecións" é o resumo do presidente da Xunta do seu encontro co estatal, que remitiu o financiamento autonómico ao Consello de Política Fiscal e convocará unha Conferencia de Presidentes para falar coas comunidades de vivenda
"Boas palabras, poucas concrecións". Ese foi o resumo que fixo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, da reunión mantida este venres en La Moncloa co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. Foi a segunda reunión bilateral dos dous, tras a mantida hai dous anos ao chegar Rueda á presidencia da Xunta, e como na anterior o titular do Goberno galego chegaba ao encontro cunha longa lista de reclamacións. Porén, segundo transmitiu na súa comparecencia posterior ante a prensa, Sánchez limitouse a "tomar nota" da maioría das cuestións sen maiores compromisos pola súa banda.
O encontro de Rueda e Sánchez produciuse en pleno debate sobre o financiamento autonómico, a disposición do Goberno de España de facer novas concesións fiscais a Catalunya e a posibilidade de que o Estado asuma parte da débeda das comunidades. Rueda insistiu na súa postura e a do PP estatal de que a negociación non sexa bilateral senón de todas as comunidades nunha Conferencia de Presidentes, ao que Sánchez lle respondeu, segundo relatou, que non ten sentido un encontro dese tipo se non é posible chegar a acordos, polo que remitiu as negociacións sobre financiamento ao inferior Consello de Política Fiscal e Financeira.
Si haberá unha Conferencia de Presidentes sobre vivenda, pero para Rueda ese "é un tema importante pero non debe ser exclusivo".
Rueda di que Sánchez non lle ofreceu condonar a débeda galega "porque probablemente xa coñece a miña postura"
Rueda foi preguntado expresamente sobre se Sánchez lle ofreceu unha quita da débeda galega. "Díxome que era outra fórmula dentro do sistema de financiamento xeral, pero non recibín ningunha oferta concreta no día de hoxe", asegurou o presidente galego, que engadiu que debeu ser "porque probablemente xa coñece a miña postura", contraria a ese perdón da débeda das comunidades porque beneficiaría máis a outras.
O presidente galego si transmitiu un compromiso concreto de Sánchez. Na longa lista de reclamacións que levaba Rueda a Madrid estaba a transferencia a Galicia da xestión do litoral, despois de que o pasado abril o Tribunal Constitucional avalase, fronte a un recurso estatal, a lei galega que impulsada pola Xunta para asumir esa competencia. Desde aquela o Goberno galego viña queixándose de que o estatal non estaba a dar pasos concretos para cumprir coa sentenza do Constitucional e facer efectiva a transferencia desa competencia. Este venres, informou Rueda, Sánchez díxolle "que inmediatamente abrirase a comisión mixta de transferencias" para concretar ese traspaso.
O titular da Xunta insistiu na necesidade de que Altri, que aínda non ten permiso ambiental, teña garantidos fondos públicos tamén por parte do Estado
Ademais destas cuestións, Rueda contou que trasladou a Sánchez diversas reclamacións como a transferencia e gratuidade da AP-9, a aceleración do AVE Vigo-Porto ou a demora no despregamento da eólica mariña. Segundo o presidente da Xunta, o do Goberno de España "tomou nota" pero sen formular ningún compromiso. Algo máis explícito foi, segundo Rueda, cando este lle trasladou "a demora dos fondos Next Generation" na súa chegada a Galicia polo que el atribuíu a unha mala xestión dos ministerios. "O presidente dixo que se estaban xestionando dun xeito moi aceptable e que estaban chegando aos seus destinatarios", foi a resposta de Sánchez que trasladou Rueda.
Sobre eses fondos, o presidente galego citou expresamente o interese que ten a Xunta de que reciba financiamento público o proxecto de Altri en Palas de Rei, malia admitir que aínda non obtivo a autorización ambiental, cuestión que Rueda non ve incompatible con que poida ter garantidas xa as axudas económicas.
Pontón censurou que Rueda "está disposto a que os galegos e as galegas perdamos centos de millóns de euros única e exclusivamente para seguir as directrices que lle manda o PP de Madrid"
"Oportunidade perdida"
"Fracaso" e "oportunidade perdida", así definiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a reunión entre Rueda e Sánchez. "Vemos como a súa estratexia partidista a leva a tal punto que está disposto a que os galegos e as galegas perdamos centos de millóns de euros única e exclusivamente para seguir as directrices que lle manda o Partido Popular de Madrid", criticou, para asegurar que Rueda é "o presidente máis desleal da historia".
Pontón incidiu en que o presidente galego acudiu á Moncloa "coa mesma carpeta de asuntos que na reunión de hai dous anos" e empregou "argumentos absurdos única e exclusivamente para intentar xustificar o inxustificable". A líder da oposición en Galicia censurou a "incapacidade" de Rueda para negociar unha quita da débeda pública mentres que "adicou boa parte do seu tempo a facer de comercial de Altri e das eléctricas, reclamando financiamento para a macrocelulosa contaminante e para avanzar no espolio eólico".
"Hoxe era o momento de mirar por Galicia e Rueda mirou por Feijoo", critica Besteiro
Para o secretario xeral do socialistas galegos "hoxe era o momento de mirar por Galicia e Rueda mirou por Feijoo". José Ramón Gómez Besteiro cualificou como "antigalego" que o mandatario popular se negase a falar dun financiamento singular para Galicia e incidiu en que "Pedro Sánchez faloulle de Galicia, pero Rueda preferiu falar de Catalunya".
"Peor, imposible", resumiu Besteiro, quen sinalou que o presidente da Xunta viaxou a Madrid "cunha serie de reivindicacións" no capítulo de investimentos, "consciente" de que dependen da aprobación da senda de gasto do Estado, que se votará proximamente no Congreso, e mais da aprobación dos Orzamentos para 2025. "Xa lles digo hoxe que non van ser apoiados polo Partido Popular", aseverou o líder do PSdeG.