Traballar desde a casa: a nova normalidade despois do coronavirus?

Imaxe dunha muller traballando desde a casa CC-BY-SA Piqsels

A pandemia do Coronavirus cumpre todos os requisitos para ser considerada un Cisne Negro da economía: un acontecemento inesperado e que trae consigo un impacto enorme de consecuencias imprevisibles. Alén do shock económico que xa se comeza a sentir e do custe en vidas humanas, esta pandemia tamén forzou á humanidade a vivir a maior experiencia de traballo desde casa da súa historia.

Millóns de traballadores, administracións e empresas da China, Europa e agora tamén do continente americano continúan estes días co seu traballo desde o fogar, afastados da tradicional oficina.

A pregunta que moitos se fan é: como será o traballo despois do Coronavirus? Volverá a vida laboral ao rego normal anterior aos confinamentos ou o teletraballo chegou para quedar? 

Alan Felstead, profesor da facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Cardiff, cre que a xente regresará á súa rutina pre-pandemia, aínda que moitos optarán por traballar desde a casa máis do que o facían até agora.

"Estamos nun momento clave no que a xente verá os beneficios de traballar desde a casa, que poden pasar algo do seu tempo fóra da oficina usando Skype, Zoom ou outra ferramenta, particularmente cando se teñen que centrar en proxectos que requiran máis concentración", asegura Felstead.

A pandemia obrigou a implantar o teletraballo en empresas que non o aplicaban CC-BY-SA Elena Cabrera

Separar vida persoal e profesional "é moito máis difícil cando todo ten lugar no mesmo sitio", explica o profesor Felstead

As estatísticas dos últimos anos amosan un crecemento moderado do teletraballo. En 2014, o último ano con datos fiables do Reino Unido, un 14% dos traballadores británicos pasaba máis da metade da súa xornada laboral traballando desde a casa. Felstead cre que agora habería un aumento brusco nesta porcentaxe por causa das semanas da corentena, que será seguido cunha caída grande. "Pero creo que quedaremos noutro nivel", apunta.

Felstead, que sinala que moitos estudos consideran o traballo desde casa como algo dobremente beneficioso para empresarios e traballadores, alerta das dificultades que ten para os empregados separar a vida privada da profesional cando a casa se converte tamén na oficina. "Separar estas dúas persoalidades é moito máis difícil cando todo ten lugar no mesmo sitio", asegura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.