Netflix, mellor á noite: as operadoras de telecomunicacións piden uso "racional" de internet na crise sanitaria

O teletraballo intensificouse por mor do coronavirus CC-BY-SA Elena Cabrera

As redes de telecomunicacións, da telefónica á fibra óptica, son unha infraestrutura basicamente privada, malia contar agora e no pasado con abondoso investimento público. Esta rede pasou nos últimos días a ser aínda máis esencial do habitual, dada a indicación gobernamental xeral de aplicar o teletraballo nos sectores en que sexa posible para frear os contaxios do coronavirus. Ademais, en plena crise sanitaria, a transmisión de información e a protección das redes ante posibles saturacións ou caídas é aínda máis fundamental.

Nos primeiros días de confinamento as chamadas de voz sobre rede móbil disparáronse un 50% e as aplicacións de mensaxería como WhatsApp quintuplicaron o seu tráfico, calculan as operadoras

Con este pano de fondo, as principais compañías de telecomunicacións do Estado, propietarias e explotadoras destas redes, fixeron público no inicio da primeira semana de confinamento polo virus unha nota conxunta apelando ao uso "racional" de internet durante a crise sanitaria. Moi especialmente nas horas en que as redes son imprescindibles para o correcto funcionamento da actividade laboral, educativa e sanitaria. En síntese, reclaman que os usos vinculados ao lecer sexan concentrados nas horas de menor carga por actividades laborais ou de emerxencia.

Unha moza consulta o teléfono móbil Dominio Público DariuszSankowski

Aínda que Movistar, Orange, Vodafone, Masmóvil e o Grupo Euskaltel -este último inclúe R- sinalan que están a "reforzar as súas redes", piden tamén colaboración das persoas usuarias porque tanto as fixas como as móbiles están "a vivir unha explosión de tráfico". Por exemplo, as chamadas de voz nos teléfonos móbiles disparáronse un 50% e o uso de datos, un 25%. Os servizos de mensaxaría instantánea como WhatsApp ou Telegram quintuplicaron o seu tráfico dende o inicio das medidas de confinamento.

As principais compañías piden reservar os usos de lecer para as "horas val", de dúas a catro da tarde e de oito da tarde a oito da mañá

Estes son algúns números nos que apoian o chamamento ao "uso intelixente e responsable da rede" mediante recomendacións como as seguintes:

  • Os arquivos e documentos, o máis lixeiros posible: As operadoras recomendan descargar "só os documentos ou arquivos que de verdade precises" e, se son moi pesados, facelo nas "horas val", de dúas a catro da tarde e de oito da tarde a oito da mañá. Adicionalmente, piden priorizar o envío de ligazóns a un arquivo enteiro e cando son enviados, facelo en formatos comprimidos.
  • As conversas, se é posible, sen vídeo: Nestes días cuadriplicouse por catro o tráfico a través de aplicacións de videoconferencia como Skype. As operadoras piden, se é posible, utilizar "ferramentas de colaboración como Teams ou Slack" e "se podes, non sempre o fagas con vídeo. Ademais, agregan, cómpre "evitar os mails masivos".
  • As chamadas, mellor no fixo: Para descargar a rede móbil, "cando sexa posible" recoméndase que as chamadas de voz vaian a través da rede fixa.
  • O lecer, para a noite: "Sobre todo", resaltan as operadoras, as instrucións son "optimizar o tráfico para o que de verdade" sexa preciso. Así, piden que fóra das devanditas "horas val", internet sexa empregada fundamentalmente para o correo, o traballo a distancia ou tarefas educativas e de acceso á información. "As ferramentas de lecer", como aplicacións de streaming tipo Netflix ou Spotify ou videoxogos en rede é preferible que queden para esas horas de menos tráfico -de dúas a catro da tarde e de oito da tarde a oito da mañá-.

"Un uso racional e responsable da redes permitiraos a todos" asegurar que "disporemos dunha comunicación de calidade de forma sostible no tempo". Cómpre ter claro, finalizan as operadoras, que o "escenario de intensificación do traballo e da escolarización en remoto pode prolongarse varias semanas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.