As restricións establecidas polo coronavirus inclúen a anulación das xestións presenciais e ofrecen á cidadanía vulnerable diversas moratorias
As restricións establecidas durante o estado de alarma provocado polo coronavirus inclúen a suspensión de numerosos trámites ou prazos de todo tipo, especialmente os presenciais. Boa parte dos trámites ante as administracións públicas poden seguir realizándose a través das respectivas sedes electrónicas dos diversos organismos, que tamén están ampliando a oferta de servizos que prestan vía telefónica. Aquí ofrecemos un listado dalgúns dos prazos e servizos afectados, con enlaces a fontes oficiais de información:
DNI
Quedan prorrogados por un ano os DNI que caduquen a partir da entrada en vigor do estado de alarma do pasado 14 de marzo.
Desemprego
As renovacións das demandas de emprego que as persoas desempregadas teñen que realizar periodicamente para poder cobrar prestacións non se terán que realizar ata o 30 de abril. Tamén quedan suspendidas as citas presenciais de orientación nas oficinas de emprego.
Trámites administrativos
O Real Decreto polo que se establece o estado de alarma dita que “se suspenden términos e se interrompen prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público” en todas as administracións públicas, sexan estatais, autonómicas ou locais. O cómputo de prazos retomarase cando remate o estado de alarma ou se o interesado manifesta a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.
Sobre os seus propios trámites, a Xunta informa de que os procedementos nos que a cidadanía xa presentase a súa documentación continuarán a súa tramitación con normalidade, ao igual que as axudas cuxo procedemento xa estea pechado serán notificadas “segundo o previsto”. A suspensión tamén afecta aos prazos de emendas e de notificacións, que se reanudarán posteriormente. Aquí tes o enlace á sede electrónica da Administración Xeral do Estado e aquí a sede electrónica da Xunta.
Tramites xudiciais
O Real Decreto do estado de alarma tamén establece a suspensión de diversos prazos xudiciais, con excepcións fundamentalmente cando afecten a dereitos fundamentais ou cidadanía especialmente vulnerable. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia concreta aquí algunhas modificacións.
Medidas económicas e sociais
Ademais do decreto de declaración do estado de alarma, o Goberno vén de publicar outro establecendo medidas económicas e sociais que tamén modifican todo tipo de trámites e prazos. Estará en vigor por un prazo dun mes, que podería ser prorrogado, e contempla entre outras medidas, a posibilidade de solicitar moratorias nas hipotecas ata 15 días despois despois de rematada a súa vixencia para as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade, que o propio decreto concreta, como estar en desemprego ou ser empresario ou autónomo cunha “perda substancial de ingresos” e que estes estean por baixo de determinados límites que establece o propio decreto.
O novo decreto tamén prohibe que as empresas subministradoras poidan cortar a luz, o gas ou a auga aos consumidores vulnerables, que as de telecomunicacións tampouco poidan facer o mesmo con calquera usuario en xeral e prorroga ata o 15 de setembro os bonos sociais eléctricos que rematasen agora. O decreto tamén suspende os prazos de devolución dos produtos mercados.
Sanidade
O Sergas está a reprogramar as citas sanitarias para priorizar a atención ao coronavirus, pero asegura que “sempre se comunicarán os cambios de xeito individual”. “Se non se recibe unha chamada por parte do Sergas, mantense a cita”, advirte a Xunta. En xeral, están a ser aprazadas as cirurxías programadas e as consultas e probas non preferentes, e substitúense consultas presenciais por telefónicas. O Sergas tamén informa de que “suspende todos os programas de cribado, sen embargo realizaranse as probas diagnósticas derivadas destes programas nos casos que deran positivo”. Ademáis, mantense o calendario vacinal infantil.
Exames
Os exames de selectividade quedan aprazados a datas aínda por concretar e as universidades adaptarán os prazos de matrícula. As oposicións tamén se paralizan e a Xunta está a adaptar os seus procedementos de listas de contratación temporal
ITV
A suspensión dos prazos administrativos fai que xa non sexa necesario pasar a ITV nos vehículos aos que caduque o seu permiso durante o estado de alarma. Porén, os servizos de revisión adaptáronse á nova situación de xeito distinto en cada comunidade autónoma. En Galicia, a concesionaria só admite citas previas e non opera entre as 14.15 e as 14.45 horas, pero para o resto segue ofrecendo numerosas franxas horarias dispoñibles nas súas distintas estacións.