Durante o mes de xullo, coa chegada da campaña estival, o mercado laboral galego recuperouse tras varios meses afundindo, cun rebote da afiliación á Seguridade Social e a maior creación de postos de traballo da última década. En agosto, os bos datos moderáronse, aínda que mantendo a creación de emprego, con 7.126 cotizantes máis fronte aos 19.026 de xullo.
Galicia destruíu un milleiro de empregos en setembro e o paro baixou en só 377 persoas
A fin do verán e da maior afluencia turística, xunto cos efectos da pandemia, volveron o pasado mes de setembro á dura realidade: Galicia destruíu case un milleiro de empregos e o paro rexistrado baixou en tan só 377 persoas, un descenso do 0,2%, cinco décimas menor ao do conxunto do Estado (0,7%).
O paro descende na industria e na construción, pero sobe na agricultura e no sector servizos
Así o total de persoas paradas rexistradas nas oficinas de emprego en Galicia é de 176.574, 19.590 máis que hai un ano. O paro baixa nas provincias da Coruña e Pontevedra pero sobe lixeiramente en Lugo e Ourense. Ademais, mentres que descende considerablemente na industria (-881) e na construción (-383), increméntase na agricultura, nos servizos e no colectivo sen emprego anterior.
Ademais, en setembro a afiliación á Seguridade Social descendeu en 995 persoas e queda en 1,01 millóns (-0,10%), 17.749 afiliacións menos que doce meses antes. Mentres, a media estatal avanza un 0,45%, con 84.013 empregos que no pasado mes de agosto.
O número de afiliados sitúase aínda por riba do millón por segundo mes consecutivo tras o afundimento de abril a menos de 975.000. As cifras están lonxe tanto dos apenas 900.000 que chegou a haber en xaneiro de 2014 como dos preto de 1,1 millóns do verán de 2008.
O impacto da pandemia segue a marcar a evolución do mercado laboral galego. Durante o mes de setembro, un total de 22.707 persoas atopábanse acollidos a un ERTE (18.581 deles nun expediente por forza maior). No último día do mes de abril, eran máis de 155.000 traballadores, 150.241 tamén por forza maior, arredor de 130.000 máis que neste pasado mes de setembro.
Galicia perde case mil empregos en setembro malia asinarse máis de 83.000 contratos, 18.763 máis que no mes de agosto, pero 23.573 menos que no mesmo período do ano pasado. O drama da temporalidade e a precariedade continúa, con tan só un 8,3% das contratacións de carácter indefinido.