O emprego 'rebota' no medio da pandemia coa maior creación de postos de traballo en xullo da última década

Exterior dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

Xullo adoita ser un bo mes para o emprego, por mor das moitas contratacións estacionais que se realizan nos sectores turísticos e da hostalaría. Este ano ficaba a incógnita sobre o efecto que a pandemia de coronavirus podía ter sobre os datos laborais do verán. Porén as estatísticas, publicadas este martes pola mañá polo Ministerio de Traballo, amosan os mellores rexistros para o emprego dende o ano 2008.

En xullo non só descendeu o número de persoas desempregadas (-9.343), senón que se incrementou de forma aínda máis importante o número de afiliados e afiliadas á Seguridade Social (+19.026), isto é, o número de traballadores e traballadoras, o que amosa unha moi importante incorporación ao mercado laboral. Galicia encadea así tres meses consecutivos de descenso do número de desempregados e desempregas. O número total de parados e paradas en Galicia sitúse en 175.311 e o número total de persoas ocupadas volve superar o nivel do millón, que perdera hai dous meses (1.005.668). 

O mes de xullo foi o primeiro en que se produciu un retorno da economía a unha certa normalidade

Estes datos, moi positivos, deben ser matizados e explicados en función de varios factores. Cómpre ter en conta, en primeiro lugar, que o mes de xullo foi o primeiro en que se produciu un retorno da economía a unha certa normalidade, unha vez que o 15 de xuño finalizou o estado de alarma e que durante todo ese mes de xuño a situación epidemiolóxica en Galicia foi moi favorable, con moi poucos casos de coronavirus. Os datos amosan que xullo concentrou a creación de emprego que noutros anos se produce ao longo dos meses de xuño e xullo (+19 mil en 2019, +23 mil en 2018, +24 mil en 2017...). Nesta ocasión, en xuño houbera tan só 1.603 novas afiliacións. Así pois, a cifra combinada dos dous meses é só lixeiramente superior á de 2019 e é mesmo inferior á de anos anteriores.

O balance interanual segue a ser moi negativo, con 31.814 traballadores e traballadoras menos que hai 12 meses e 24.390 persoas desempregadas máis que naquela data

Así, este bo mes de xullo axuda a compensar en parte a enorme destrución de emprego que se producira entre marzo e maio. Así, o balance interanual (dende xullo do ano 2019) segue a ser moi negativo, con 31.814 traballadores e traballadoras menos que hai 12 meses e 24.390 persoas desempregadas máis que naquela data.

O outro elemento que axuda a entender este 'rebote' do emprego no mes de xullo é o efecto que seguen a ter as medidas introducidas polo Goberno central para soster as persoas e empresas que se viron máis afectadas pola crise provocada polo coronavirus. 51.635 persoas están incluídas, de media no mes de xullo en Galicia, nalgún Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e polo tanto non se atopan en situación de desemprego.

O número de traballadores e traballadoras en ERTE é, con todo, moi inferior ao que se rexistraba nos meses de xuño (75.606) e maio (135.630).

51.635 persoas están incluídas en Galicia nalgún ERTE e polo tanto non se atopan en situación de desemprego. En xuño eran máis de 75 mil

O sector servizos é, como vén sendo habitual no mes de xullo, o que mellor comportamento tivo, cun descenso de 7.614 desempregados e desempregadas. O descenso do paro é maior en Pontevedra, A Coruña e Lugo e algo menor na provincia de Ourense. No que levamos de ano A Coruña e Lugo son as que máis viron incrementar o seu número de persoas desempregadas e Pontevedra é o territorio no que menos se incrementou o paro. En xullo asináronse 86.407 contratos en Galicia, dos que unicamente 6.481 foron indefinidos e o resto temporais.

No conxunto do Estado español as tendencias rexistradas neste mes de xullo foron semellantes, cun descenso do número de parados e paradas de 89.849 persoas e un incremento da afiliación en 161.217 ocupados e ocupadas. Con todo, ao igual que sucede en Galicia, a destrución de emprego nos primeiros meses da pandemia fai que as variacións interanuais sigan a ser moi negativas, con 761.601 desempregados e desempregadas máis que en xullo do pasado ano e 747.656 afiliados e afiliadas menos.

Haberá que comprobar nos meses seguintes o efecto que sobre o emprego ten o empeoramento da situación epidemiolóxica que se produciu no mes de xullo e que segue a darse neste mes de agosto

Haberá que comprobar nos meses seguintes o efecto que sobre o emprego ten o empeoramento da situación epidemiolóxica que se produciu no mes de xullo e que segue a darse neste mes de agosto, así como o impacto das limitacións á chegada de visitantes estranxeiros provocada polos rebrotes de coronavirus que houbo nas últimas semanas. Así mesmo, haberá que ver como evoluciona a situación laboral unha vez que se supera a tempada estival (moi curta neste ano 2020). O mes de agosto (polo efecto do descenso de afiliacións nos seus últimos días) adoita ser o primeiro mes nunha serie de catro ou cinco meses de destrución de emprego, algo que neste ano podería elevar as cifras de desempregados e desempregadas que xa foron medrando dende febreiro.

Reaccións dos sindicatos

A CIG esixe "a derrogación das reformas laborais" e un plan de emprego e de industrialización en Galicia

As valoracións das centrais sindicais inciden, nomeadamente, no carácter estacional desta recuperación do emprego, sinalando por exemplo a CIG que "emprego precario e estacional, no sector servizos, paliou temporalmente a gravísima situación do mercado laboral en Galiza". O secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, subliñou que "hai moitas máis persoas desempregadas que en xullo do ano pasado".

A CIG esixe "a derrogación das reformas laborais" e un plan de emprego e de industrialización en Galicia "que reverta o desmantelamento do tecido produtivo e solvente os graves problemas da nosa industria, nomeadamente das electrointensivas, o sector naval e o do automóbil". Así mesmo, o sindicato denuncia a “inacción da Xunta ante a crise industrial e social que padece o noso país".

"A alta precariedade e temporalidade do mercado laboral explican a destrución masiva de emprego nun espazo breve de tempo e esixe derrogar a actual normativa laboral que sustenta esta situación", di UGT

Para CC.OO., os datos publicados hoxe "aínda que son positivos, agochan as debilidades do mercado laboral galego: o emprego creado segue a ser de moi baixa calidade (79.926 contratos temporais asinados no último mes) e se concentra nos servizos de baixo valor engadido". En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do emprego en Galicia está directamente relacionada coa ausencia dun modelo produtivo de base industrial e tecnolóxica e co nefasto papel que en materia de políticas activas de emprego está a xogar o Goberno galego. Pra Bouza, urxe un “plan de recuperación económica e social" con medidas que impulsen a economía canto antes para recuperar a actividade e o emprego perdido pola pandemia.

Finalmente, UGT sinala que "a alta precariedade e temporalidade do mercado laboral explican a destrución masiva de emprego nun espazo breve de tempo e esixe derrogar a actual normativa laboral que sustenta esta situación". O sindicato apoia o mantemento dos ERTE e ir reincorporando os traballadores nas actividades que se reanudaron, primando os axustes en horas e non en empregos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.