A evolución das exportacións galegas na pandemia desmente as previsións máis pesimistas do Banco de España

Vehículos fabricados na planta viguesa de PSA, almacenados en instalacións portuarias © Porto de Vigo

O pasado maio, apenas mes e medio despois da declaración do estado de alarma pola pandemia da COVID-19 e coas medidas de confinamento aínda vixentes, un informe do Banco de España advertía de que as comunidades autónomas con "maior peso" dos sectores do turismo e da fabricación de automóbiles ían padecer maior "deterioro" económico na crise do coronavirus. O traballo sinalaba a Galicia como un dos territorios con máis riscos.

O Foro Económico conclúe que os sectores automobilístico e agroalimentario xa recuperaron en Galicia os niveis de exportación previos á pandemia

Catro meses despois e cando xa transcorreron seis meses de pandemia, a realidade desmente as previsións máis pesimistas. E faino, en boa medida, apoiado nun dos sectores sinalados naquel informe, o automobilístico.

O Foro Económico de Galicia vén de actualizar o seu Barómetro Exportador (BAEXGA), elaborado con datos do Instituto Galego de Estatística e mais da Secretaría de Estado de Comercio da man dos profesores da Universidade da Coruña José Manuel Sánchez e Isabel Novo. As súas conclusións indican que as exportacións galegas xa recuperaron un 90% do nivel previo á pandemia e que dous sectores, o do automóbil e o agroalimentario, xa están por riba del.

Segundo recompila o Foro Económico, as exportacións galegas acadaron o pasado xullo os 1.957,74 millóns de euros, un 4,3% máis que o mesmo mes do ano anterior. "Polo tanto -detallan- xullo foi o segundo mes consecutivo dende o inicio da pandemia no que o valor das exportacións galegas rexistra unha variación interanual positiva" e, deste xeito, aproxímanse aos niveis pre-pandemia mesmo un chisco máis que media estatal. 

O informe do BAEXGA ve "especialmente preocupante" que o sector téxtil "non consolide" a recuperación  das súas exportacións malia á reapertura das tendas

Xunto a este diagnóstico optimista a nivel xeral, o informe do Foro Económico tamén detalla que, por sectores, o comportamento non é homoxéneo. Así, mentres o sector automobilístico "segue a rexistrar un comportamento moi positivo" grazas en boa medida á "evolución da demanda estranxeira, sobre todo en Europa", en boa medida pola recuperación de pedidos de modelos fabricados na factoría de PSA en Vigo. Así, o automóbil e o sector agroalimentario "son os primeiros en recuperar os niveis anuais de exportación anteriores á pandemia".

Pola contra, outros sectores manteñen un comportamento "menos alentador" das exportacións e entre eles o Foro destaca os sectores téxtil e de combustibles, que en xuño chegaran a situarse en taxas interanuais positivas. "Dado o importante peso que o téxtil ten nas exportacións galegas, resulta especialmente preocupante que non consolide o punto de inflexión que reflectían as cifras de xuño" malia circunstancias como a reapertura de tendas físicas, advirte o estudo.

Por todo isto, o Foro Económico cre que os datos das exportacións galegas no seu conxunto "permiten ser moderadamente optimistas". Non obstante, agregan que "evidentemente", esta evolución está "suxeita a incertezas, na medida que segue estando supeditada á evolución" da propia epidemia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.