Do impacto de ata o 15% no negocio a atrasos en proxectos: as previsións das autoridades portuarias polo coronavirus

Auditorías das autoridades portuarias nas que prognostican o posible impacto do coronavirus nas súas contas CC-BY-SA Praza Pública

As auditorías das contas dos portos estatais, que veñen de ser publicadas no BOE, coinciden na “incerteza” que a pandemia supón para o seu funcionamento

O Boletín Oficial del Estado (BOE) deste luns publica as auditorías das contas de 2019 de varios portos de interese xeral do Estado, entre eles os de Vigo, Vilagarcía e Marín e Ría de Pontevedra, que se suman ás de Ferrol-San Cibrao publicadas o sábado e A Coruña o 7 de agosto. Malia ser do pasado ano, todas fan maior ou menor referencia a feitos posteriores ao peche contable, en particular á pandemia do coronavirus, pero mentres algunhas non se atreven a facer prognósticos do impacto da crise económica, outras si avanzan algunhas estimacións do que pode supoñer para a súa actividade e os subsectores máis afectados tanto neste ano 2020 como nos futuros.

Auditoría da Autoridade Portuaria da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

A Coruña apunta ao impacto da crise no tráfico de hidrocarburos e sinala que “se verá afectado o ritmo de investimento”

O informe da Autoridade Portuaria da Coruña é o máis explícito ao respecto do impacto do coronavirus. Malia comezar matizando que “é complicado realizar unha valoración detallada dos posibles impactos”, estima que “o impacto económico na cifra de negocios do exercicio 2020 pode estar comprendido entre o 10% e o 15%, en función da duración da crise e a posible incidencia no consumo de produtos derivados de determinados tráficos como o de hidrocarburos, así como a incidencia que poida ter o posible amarre de flota do sector pesqueiro”.

O documento engade que a incidencia “no segmento de cruceiros con toda probabilidade pode ser moi alta, en función do comportamento futuro da demanda neste sector”. Igualmente, tamén considera que “se verá afectado o ritmo de investimento no exercicio 2020 con respecto ao volume de investimento previsto para dito exercicio” por “as restricións que poidan darse na execución de obras en cumprimento de mandato normativo”.

Vigo admite atrasos de proxectos pero non espera problemas de tesourería polo seu “exceso de liquidez actual”

No caso da Autoridade Portuaria de Vigo, o informe non cuantifica pero si asegura que a situación “seguirá” influíndo sobre “todos os tráficos” e “por tanto sobre os ingresos”, e ao igual que a da Coruña admite que “a execución dos distintos proxectos en marcha tamén poden verse afectados e producirse atrasos”.

Auditoría da Autoridade Portuaria de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Porén, o documento vigués é optimista no curto prazo e afirma que “debido ao exceso de liquidez actual, a Autoridade Portuaria de Vigo non espera sufrir tensións de tesourería”.

Auditoría da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao CC-BY-SA Praza Pública

Ferrol-San Cibrao sinala que xa decidiu aprazamentos ou priorizacións de determinados pagamentos mentres Marín e Vilagarcía son máis xenéricos

No caso de Ferrol-San Cibrao, o documento considera “practicamente imposible realizar unha estimación fiable do impacto” da crise na autoridade portuaria “polas grandes incertezas existentes”, pero informa de que a entidade adoptou medidas como “aprazamento de pagamento a clientes e priorización no pagamento a provedores”.

Máis xenéricos aínda son os documentos das autoridades portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e de Vilagarcía. A primeira sinala que “durante 2020 se poden producir efectos significativos sobre o tráfico portuario especialmente en sectores sensibles que viron seriamente mermada a súa capacidade produtiva así como nos ingresos e gastos da entidade pola aplicación de medidas económicas de incentivación para paliar os efectos da crise sanitaria sobre o sector privado”.

Vilagarcía limítase a indicar que “non é posible realizar unha estimación dos efectos que esta crise pode supoñer nos futuros estados financeiros desta autoridade portuaria xa que se descoñece a duración da mesma e os potenciais efectos sobre a actividade da empresa así como a incerteza que poida existir sobre as operacións da entidade”.

Auditoría da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública
Auditoría da Autoridade Portuaria de Vilagarcía CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.