Galicia mantense por riba do millón de afiliados á Seguridade Social cun lixeiro aumento do paro rexistrado, ata case 177.000 persoas
O mes de xullo e a campaña estival propiciou, tras varios meses de afundimento do mercado laboral por mor da pandemia do coronavirus, un rebote da afiliación á seguridade social en Galicia, coa maior creación de postos de traballo da última década. En agosto iso moderouse, segundo os datos divulgados este mércores, e seguiuse creando emprego a respecto do mes anterior pero en menor medida, con 7.126 afiliados máis á Seguridade social fronte aos 19.026 de xullo.
Porén, cando se miran as cifras interanuais, aínda que se seguen a mellorar os datos de maio, no peor da crise polo confinamento, aínda hai en Galicia uns 24.000 afiliados menos que hai un ano.
Os datos totais da afiliación media á Seguridade Social en agosto sitúan en 1.012.794 o número de persoas con emprego, por riba do millón por segundo mes consecutivo tras o afundimento de abril a menos de 975.000. As cifras están lonxe tanto dos apenas 900.000 que chegou a haber en xaneiro de 2014 como dos preto de 1,1 millóns do verán de 2008.
Canto ao paro rexistrado, aumentou lixeiramente, en 1.640 persoas, un 0,94%, apuntando así a un comezo lixeiramente anterior do habitual aumento progesivo desa variable ao longo do outono tras os niveis máis baixos que adoita rexistrar durante o verán.