A comunicación das zonas rurais é un dos grandes retos da mobilidade sostible. Os desprazamentos peonís, en bicicleta ou en VMP, unidos ao transporte público, solucionan as necesidades no interior das zonas urbanas, pero para moverse dende as parroquias rurais o transporte público colectivo en ocasións é insuficiente, o que obriga a depender do vehículo privado, dificultando que moitas zonas de Galicia poidan avanzar cara a un futuro menos dependente do coche, do que ademais moitas persoas carecen ou non poden manexar.
A comunicación das zonas rurais é un dos grandes retos da mobilidade sostible. O Concello busca ofrecer un servizo de transporte a demanda para a veciñanza das parroquias non urbanas
O Concello de Pontevedra, que nas últimas décadas se converteu nun referente internacional na mobilidade sustentable, vén de presentar un novo servizo que busca responder ás necesidades de comunicación das persoas que viven nas parroquias rurais do seu extenso termo municipal. Trátase dun servizo de transporte a demanda que conectará todas as parroquias con diferentes espazos do centro da cidade a través de viaxes en coche solicitadas cunha aplicación. Chámase 'Coche de Punto' e comezará a operar en probas o vindeiro 31 de xaneiro.
O nome recupera unha denominación tradicional, un tanto esquecida na actualidade, pero coas mesmas características: un medio de transporte que se colle nun espazo determinado e pode chegar até outros lugares sen seguir unha ruta concreta. Oponse, polo tanto, ao coche de liña, que segue un trazado regular e predefinido.
A viaxes do Coche de Punto poderán partir de calquera lugar, mais terán puntos de destino prefixados, coma os hospitais, o campus universitario ou a Praza de Galicia, entre outros
A viaxes do Coche de Punto poderán partir de calquera lugar, da porta mesma da casa do veciño ou veciña que contrate o servizo a través da aplicación, mais terán puntos de destino prefixados, o que establece unha das diferenzas fundamentais co servizo de taxis. De momento, este puntos de destino son: Praza de Galicia, o Centro de Saúde Virxe Peregrina, a Casa do Mar, o Hospital Provincial, a Xunta de Campolongo, o Campus da Xunqueira, a estación de bus e tren e a Praza de Abastos. Ademais, fóra do ámbito urbano tamén se poderán dirixir ao Hospital de Montecelo. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explica que cando funcione o servizo en todas as parroquias é previsible que se inclúa o centro de saúde de Lérez, por exemplo.
O nome recupera unha denominación tradicional, un tanto esquecida na actualidade, pero coas mesmas características: un medio de transporte que se colle nun espazo determinado e pode chegar até outros lugares sen seguir unha ruta concreta
A aplicación está pensada para planear a viaxe de ida máis tamén a de volta, conectando as parroquias coa cidade. Con todo, non é obrigatorio facer uso das dúas viaxes iguais, nin manter un punto de volta fixo. Así unha persoa poderá ir dun punto de Salcedo ao Hospital e logo volver desde o Campus Universitario a outro punto da parroquia.
Demetrio Gómez amósase "moi ilusionado" e destaca que "será realmente pioneiro, ao non existir en ningún outro sitio un sistema coma este". "Hai outras probas de transporte a demanda e algunhas liñas de autobús, pero son para poboacións moito máis pequenas e sen a posibilidade de facer este universo de viaxes", subliña Gómez.
Demetrio Gómez amósase "moi ilusionado" e destaca que "será realmente pioneiro". "Hai outras probas de transporte a demanda e algunhas liñas de autobús, pero son para poboacións moito máis pequenas e sen a posibilidade de facer este universo de viaxes", di
A fase de probas que comezará nuns días servirá para poñer a punto o sistema, detectar fallos, e poderá ser usado por veciños e veciñas das parroquias de Salcedo, Marcón, Tomeza e Ponte Sampaio. Con todo, nesta fase de probas, non todas as persoas destas parroquias poderán facer uso do Coche de Punto. Serán vinte veciños e veciñas de cada unha delas, que serán seleccionados nos vindeiros días para logo, durante o mes de febreiro, comezar a probar o servizo, descargar a aplicación nos seus teléfonos, utilizar a central de reservas, utilizar páxina web e solicitar as viaxes. Nesta fase de probas, ademais, as viaxes poderán ser feitas entre as 7 da mañá e as 14.30 horas do mediodía.
Na fase de probas o servizo poderá ser usado por un grupo de veciños e veciñas das parroquias de Salcedo, Marcón, Tomeza e Ponte Sampaio
Neste período de probas, serán os taxistas da cidade os que se encarguen de levar a cabo o servizo. O sector, despois dunha xuntanza co Concello, comprometeuse a dar de alta no sistema a dez condutores, funcionando a central de reservas a través da mesma central de Radio Taxi de Pontevedra. En total, están previstos uns 1.500 quilómetros de probas, que serán de balde. Unha vez o servizo quede rematado e comece a funcionar de xeito definitivo, o Concello confirma que si terá un prezo "como ocorre con calquera servizo de transporte público", se ben este non está aínda fixado.