O MUMI (Músicas do Minho) é unha feira musical que convoca a profesionais do sector cultural galego e portugués co obxectivo de "crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas". O encontro profesional reúne a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa, pois inclúe unha serie de actuacións en directo. A edición 2020 celebrouse na Eurocidade Verín-Chaves e o pasado ano a sede foi a Eurocidade Tui-Valença, a cabalo dos dous países.
O MUMI é unha feira musical que convoca a profesionais do sector cultural galego e portugués co obxectivo de "crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas"
A edición 2022 celebrarase de novo en Tui e Valença, desta volta nos primeiros días do outono, do 29 de setembro ao 1 de outubro. O obxectivo é que o encontro fixe a súa sede na Eurocidade do Miño, que pasaría a organizar o evento todos os anos. “O MUMI atopou na Eurocidade Tui-Valença o enclave perfecto para consolidarse e medrar ata converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, afirmou este martes Manuel Vicente Roxo, da organización da feira, na presentación da edición 2022.
O MUMI busca afirmarse no prazo de 5 anos como "a Feira Internacional da Lusofonía", unha cita anual que sirva de escaparate e punto de encontro para os dous países
O MUMI pretende afirmarse, no prazo de 5 anos, como "a Feira Internacional da Lusofonía", unha cita anual que sirva de escaparate e punto de encontro para ambos os dous países, e tamén para todas aquelas empresas, entidades e iniciativas que atopan na música un espazo de promoción e diferenciación. Un dos grandes obxectivos é atraer programadores do sector público e lograr que a feira se converta nun obrigado punto de encontro para as contratacións artísticas dos concellos e cámaras municipais dos dous territorios.
“O MUMI atopou na Eurocidade Tui-Valença o enclave perfecto para consolidarse e medrar ata converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, afirmou este martes Manuel Vicente Roxo
Desde este mesmo xoves 24 de febreiro todas as persoas interesadas en participar no MUMI 2022 poden inscribirse no encontro. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas galegas e portuguesas permanecerá aberta ata o 31 de marzo, mentres que as inscricións para profesionais estarán abertas ata as datas de celebración do evento. Así pois, nuns meses darase a coñecer a programación completa, coas actuacións abertas ao público, así coma o resto de contidos da feira.
O pasado ano participaron máis de 80 artistas e 132 profesionais galegos e portugueses do sector musical, entre axencias, programadores públicos e privados, xornalistas culturais, empresas de servizos, discográficas e editoras.
O pasado ano participaron máis de 80 artistas e 132 profesionais galegos e portugueses do sector musical
A feira realizou un gasto directo na Eurocidade de preto de 12 mil euros, o que significa un terzo do orzamento recibido; e aos que hai que sumarlle o gasto indirecto realizado polos cerca de 2.000 visitantes que se achegaron durante 3 días, nos que houbo un total de 19 concertos, 5 conferencias e decenas de encontros de negocios arredor da música. Nesta 3ª edición, cunha mellor situación sanitaria, superada a pandemia de COVID, prevese aumentar este impacto económico.
Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; o presidente e responsable de Cultura da Cámara Municipal de Valença, Jose Manuel Carpinteira; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; o xefe territorial da Xunta en Pontevedra, César Pérez Ares; e representando á organización do MUMI, Diana Martins e Manuel Vicente Roxo.
"O MUMI exemplifica unha das liñas de traballo marcadas desde a Consellería de Cultura de impulsar e promover a relación cultural entre Galicia e Portugal, ao amparo da Lei Valentín Paz-Andrade", destaca a Xunta
O evento conta co apoio económico de ambos municipios, o da Xunta de Galicia, a Direção de Cultura do norte de Portugal e a Fundação GDA (Gestão dos Direitos dos Artistas). Ademais este ano, únese como medio amigo a CRTVG, para garantir a través da Radio Galega e a Televisión de Galicia a cobertura da feira; unha difusión que na outra beira do Minho estará apoiada desde os medios públicos portugueses Antena 2 e Antena 3.
Na presentación, o xefe territorial da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, explicou que "o MUMI exemplifica unha das liñas de traballo marcadas desde a Consellería de Cultura de impulsar e promover a relación cultural entre Galicia e Portugal, ao amparo da Lei Valentín Paz-Andrade".