O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) avalou este xoves o encaixe da lei de amnistía no dereito comunitario. A Gran Sala do tribunal considera que a normativa non bate cos intereses financeiras da UE nin é contraria á directiva en materia de terrorismo. Non concede directamente a amnistía ás persoas afectadas pero si fixa unha interpretación do dereito europeo obrigatoria para os tribunais españois.
O TXUE considera que a lei persegue o obxectivo de "reducir tensións institucionais e políticas e facilitar un escenario de reconciliación"
Como informa infoLibre, o TXUE considera que a lei de amnistía persegue o obxectivo de "reducir tensións institucionais e políticas e facilitar un escenario de reconciliación". A sentenza segue así o criterio que o pasado novembro marcara o avogado xeral, Dean Spielmann. No seu ditame xa considerara que a amnistía aprobada polo Goberno de España non derrogaba de facto as leis europeas contar o terrorismo, senón que só desactivaba de maneira limitada parte dos seus efectos para un caso concreto.
O ditame coñecido este 16 de xullo comezou por resolver a cuestión que dende España lle formulara o Tribunal de Cuentas do Estado. E respóndelle que non houbo intereses financeiros da UE en risco.
O tribunal comunitario desbota vencellos entre os gastos do procés e o orzamento comunitario e determina que a amnistía non menoscabou a normativa europea contra o terrorismo
Tamén en materia económica, fican fóra de cuestión, a xuízo do TSXUE, ligazóns entre os gastos das autoridades catalás vinculadas ao proceso independentista e os Orzamentos da Unión Europea. Este criterio é clave, porque afecta aos procesos que o organismo fiscalizador estatal ten abertos contra dirixentes independentistas, daquela gobernantes en Catalunya, polo uso de fondos públicos na organización do referendo do 1 de outubro de 2017 e na acción exterior da Generalitat.
Do mesmo xeito, no outro gran bloque de argumentos, o TXUE determina que a lei de amnistía non vai contra a directiva europea antiterrorismo. Desbótao porque a redacción final da norma excluíu delitos que provocasen de forma intencionada graves violacións dos dereitos humanos. Desta forma, a avala que a amnistía poida aplicarse aos delitos atribuídos a algúns integrantes dos Comités de Defensa da República (CDR), cuxa causa se atopa en mans da Audiencia Nacional.
Este ditame non implica conceder directamente a amnistía ás persoas afectadas, xa que corresponde aos tribunais españois resolver cada caso concreto
Este ditame non implica conceder directamente a amnistía ás persoas afectadas, xa que corresponde aos tribunais españois resolver cada caso concreto. Si establece, con todo, unha interpretación do dereito europeo obrigatoria para todos os órganos xudiciais, neste caso de España.
A decisión tampouco modifica automaticamente a situación de Carles Puigdemont, Oriol Junqueras e o resto de dirixentes independentistas a quen o Tribunal Supremo se negou a aplicar a norma. Si elimina un dos principais obstáculos utilizados para cuestionar a súa validez e reforza considerablemente os recursos de amparo presentados ante o Tribunal Constitucional, ao que a resolución europea marca agora o camiño. En xuño de 2025 o TC xa avalou a constitucionalidade da lei e decidiu esperar ao pronunciamento do TXUE para resolver os recursos concretos dos dirixentes independentistas condenados.