O Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), en liña co que xa adiantara o avogado xeral Maciej Szpunar en novembro, deu un importante golpe a España este xoves en Luxemburgo e botou un cabo os políticos independentistas: ditaminou a favor de Oriol Junqueras e entende que debe ser eurodeputado e gozar de inmunidade.
"Unha persoa elixida ao Parlamento Europeo adquire a condición de membro da institución desde a proclamación dos resultados e goza desde ese momento das inmunidades", di a sentenza
"Unha persoa elixida ao Parlamento Europeo adquire a condición de membro da devandita institución desde a proclamación dos resultados e goza desde ese momento das inmunidades", afirma a sentenza.
O Supremo decidira non darlle permiso penitenciario a Junquerar para saír da cadea e cumprir coa formalidade de xurar a Constitución como paso previo a tomar posesión do escano en Estrasburgo. Pero fixo tres preguntas ao TXUE, que foi ao que responde este xoves na lectura realizada polo xuíz Koen Lenaerts, presidente dotribunal de 15 persoas que viron o caso.
Así, aclarou que "goza de inmunidade unha persoa que foi oficialmente proclamada electa ao Parlamento Europeo cando se atopaba en situación de prisión provisional nun proceso penal por delitos graves, pero que non foi autorizada a cumprir certos requirimentos previos polo Dereito interno tras a proclamación nin a desprazarse ao Parlamento Europeo para participar na primeira sesión". O TXUE entende que "esta inmunidade implica o levantamento da medida de prisión provisional imposta, ao obxecto de permitir ao interesado desprazarse á Eurocámara" e que se o Supremo considerara que debía manterse a cadea, debeu solicitar un suplicatorio.
O Tribunal segue a liña do avogado, algo que ocorre no 80% das ocasións. Pero as opinións dos avogados xerais adoitan ser moito máis claras que os ditames e sentenzas, máis ricos en matizacións. Con todo, a sentenza lida este xoves en Luxemburgo é ben clariña: Junqueras tería que ter sido recoñecido como eurodeputado de pleno dereito na mesma noite electoral do 26 de maio, ou, se cadra, desde que se proclamaron os resultados no BOE do 14 de xuño pasado.
O Tribunal de Xustiza da UE deixa en mans do Supremo a interpretación das consecuencias do seu ditame
O Supremo atópase agora cun problema: que Junqueras xa foi sentenciado a 13 anos de cárcere e inhabilitación, tal e como analiza Andrés Gil en eldiario.es. O avogado xeral dicía que ese bucle espazo temporal tiña como consecuencia que "o Tribunal de Xustiza non é competente para responder as cuestións prexudiciais expostas polo Tribunal Supremo, pois a súa resposta tería carácter hipotético". É dicir, que sería ditaminar sobre algo teoricamente amortizado. Pero o TXUE non se meteu este xoves niso, e deixou en mans do Supremo que interprete as consecuencias do seu ditame: "O tribunal competente [é dicir o Supremo] é a quen incumbe apreciar os efectos aparellados ás inmunidades de que goza o señor Junqueras".
A Fiscalía do Tribunal Supremo só tardou unhas horas en fixar a súa postura: oponse ás excarceración de Junqueras e piden que se execute de maneira inmediata a súa inhabilitación como europarlamentario.
O Ministerio Fiscal tiña cinco días para fixar a súa postura, pero xa a resumiu nun escrito enviado á sala na que sinala que "Oriol Junqueras non está actualmente suxeito a medida cautelar ningunha senón executoriamente condenado".
Sexa como for, todo isto pode mudar todo e ser fundamental no proceso, ao cuestionar que durante el se privase a Junqueras da condición plena de eurodeputado, coa inmunidade incluída. Non están claras as consecuencias. Polo momento, o presidente do Europarlamento, David Sassoli, xa reclamou ás "autoridades españolas competentes", ao Supremo xa que logo, que apliquen a sentenza na parte que corresponde a Junqueras e encargou un informe urxente aos servizos xurídicos para decidir sobre Puigdemont que "avalían a posible aplicación dos efectos da sentenza sobre a composición da Eurocámara". "Non se pode perder o tempo", engadiu.
A Fiscalía do Supremo oponse á excarceración de Junqueras e pide a súa inhabilitación como eurodeputado pero a Eurocámara pide que se aplique a sentenza
No caso de Puigdemont e Comín, a sentenza do TXUE é clave porque eles foron elixidos eurodeputados o 26 de maio e non teñen unha condena do Supremo, como a que si carga Junqueras. Serían considerados eurodeputados de pleno dereito e, dalgún xeito, o ditame respondea os recursos presentados por ser vetados na Eurocámara en xullo. A euroorden sería dificilmente aceptada e non serían xulgados en España mentres sexan eurodeputados.
A inmunidade de Puigdemont e Comín como eurodeputados é un dos argumentos que as defensas empregan para uqe a xustiza belga rexeite a orde de extradición, sobre a que terá que definirse en febreiro pero xa coa decisión de Luxemburgo enriba da mesa.
A Eurocámara ten agora un problema, logo de que os seus servizos xurídicos pechasen as portas a Puigdemont ou Comín e que os seus presidentes lavasen as mans no caso de Junqueras, co apoio de populares, socialistas e liberais.
A sentenza do Tribunal Europeo provocou moreas de reaccións que desde o ámbito do independentismo piden a liberdade inmediata de Junqueras. A través da súa conta de Twitter, ERC fíxoo pouco despois, ao igual que o político preso que acaba de ser recoñecido como eurodeputado, pedindo "liberdade para todos" e asegurando que se vulneraron os seus dereitos e dos dos dous millóns de cidadáns que votaron o seu partido.
O coordinador nacional de ERC e vicepresidente do Govern, Pere Aragonès, celebrou a sentenza e pediu tamén a súa posta en liberdade inmediata e a nulidade da súa condena.
"Aínda quedan xuíces en Europa", sinalou pola súa banda Puigdemont, que considera que as "autoridades españolas intentaron alterar o funcionamento da democracia europea". Comín asegura que "gaña a democracia", mentres que o avogado do ex-president catalán, Gonzalo Boye, pediu a liberdade para Junqueras.