Gonzalo Caballero ofrece ao BNG o seu compromiso de que Fomento “minorará” a peaxe da AP-9

Gonzalo Caballero co ministro de Fomento e secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, nunha imaxe de arquivo Dominio Público @G_Caballero

En plena negociación para a investidura de Pedro Sánchez, o líder do PSdeG di traballar por “unha gran alianza progresista” para as eleccións galegas

“É o meu compromiso como secretario xeral [do PSdeG] e como candidato á presidencia da Xunta”. Así presentou este venres Gonzalo Caballero, en plenas negociacións e debates internos no BNG sobre a postura do seu decisivo voto na investidura de Pedro Sánchez, a promesa de que o Ministerio de Fomento traballa para para “minorar” o impacto das peaxes da AP-9, un dos elementos nos que os nacionalistas pedían compromisos por parte dos socialistas para absterse na votación do próximo martes e facilitar así a formación de Goberno.

Caballero ofreceu este venres unha rolda de prensa en cuxa intervención inicial se referíu por iniciativa propia á intención do Goberno central de actuar sobre as peaxes da AP-9. Posteriormente, preguntóuselle expresamente por que xesto está disposto a facer publicamente o PSOE ao BNG para lograr o apoio dos nacionalistas á investidura de Sánchez. O propio Caballero comezou a súa intervención lembrando que en cuestión de meses se celebrarán as eleccións galegas, nas que dixo que o PSdeG é “consciente de que hai que construír unha gran maioría social e política de progreso”, en referencia á necesidade de contar co BNG para formar un hipotético goberno alternativo ao PP. E a continuación asegurou que “o Goberno de Pedro Sánchez vai incorporar nesta lexislatura os grandes retos de Galicia”, dos que el mesmo puxo o foco na AP-9.

Gonzalo Caballero e Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo con líderes sindicais nunha manifestación contra os recortes sanitarios CC-BY-SA GZ Foto

 “Traballaremos para estudar todas as posibilidades de transferencia e, o que é máis importante, frear a senda de subas”, di Caballero

Sobre a Autoestrada do Atlántico, Caballero dixo que o Goberno central está buscando unha vía para transferir a súa titularidade e xestión á Xunta, reclamación unánime do Parlamento de Galicia, pero optou por salientar que Fomento tamén traballa para “minorar” o impacto das peaxes. “Traballaremos para estudar todas as posibilidades de transferencia e, o que é máis importante, frear a senda de subas”, dixo, para engadir que “haberá un cambio na evolución histórica de subas das peaxes da AP-9". Fontes do PSdeG precisaron posteriormente que os socialistas tamén están dispostos a ofrecer compromisos en materia industrial, outro dos elementos reclamados polo BNG, pero que a focalización na AP-9 é máis visible para a cidadanía. En todo caso, Caballero rematou a súa intervención pedindo paciencia para as negociacións, que están a levarse desde a dirección federal do PSOE: “Hai que esperar a ver como transcorre esta xornada”.

“Desexamos que o resto de forzas progresistas conquiran o maior apoio posible”, chegou a dicir Caballero sobre as eleccións galegas deste ano

Sobre como a actual negociación para a investidura de Pedro Sánchez pode condicionar as relacións do PSdeG co BNG de cara aos comicios galegos dos próximos meses, Caballero asegurou que os socialistas galegos van “saír a gañar as eleccións”, pero conscientes da necesidade “dunha gran alianza progresista”. “Desexamos que o resto de forzas progresistas conquiran o maior apoio posible”, chegou a dicir. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.