O ministerio asegura que a AP-9 está “entre os traxectos máis seguros, tendencia que se mantén nos últimos 17 anos”, período no que a concesionaria recibiu varias condenas tras tentar culpar de sinistros aos condutores
O Ministerio de Transportes fixo público este xoves que “requiriu” a Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, melloras da seguridade na vía por importe de 3,44 millóns de euros. A cifra supón o 10% dos 33 millóns de beneficios que obtivo a empresa en 2020 malia á caída do tráfico pola pandemia do coronavirus. Un ano antes, en 2019, obtivera 42 millóns.
O propio ministerio matiza no seu comunicado que a “inspección extraordinaria” que realizou sobre a seguridade da AP-9 conclúe que a vía está “entre os traxectos máis seguros do noso país, tendencia que se mantén nos últimos dezasete anos”. Neste período a empresa recibiu diversas condenas xudiciais como responsable de sinistros nos que na súa defensa tentou culpar dos mesmos aos condutores dos vehículos. [A culpa é de quen conduce: así tenta Audasa eximirse das súas propias neglixencias na AP-9].
Segundo o ministerio, todos os treitos da AP-9 “cumpren con todas as normativas de seguridade viaria” e o risco de falecer nun sinistro é “tres veces menor que no conxunto da rede de estradas do Estado”, pero a inspección detectou “elementos susceptibles de mellora” para “manter os máis altos estándares de seguridade e reducir aínda máis o risco de sufrir un accidente”.
A actuación máis custosa comezará en xullo e será a mellora do firme no ramal de Ferrol e nos accesos á autoestrada, por 2,5 millóns
As actuacións que detalla o ministerio que agora acometerá Audasa fundamentalmente xa este ano son diversas. A máis custosa, que comezará en xullo por 2,51 millóns de euros, será a mellora do firme no ramal a Ferrol e nos accesos á autoestrada. Outros 527.000 euros a gastar en tres anos mellorarán a sinalización para “reducir a indecisión dos condutores e aumentar a súa visibilidade”, 265.000 euros destinaranse a repintado de marcas viais, 97.000 a repoñer elementos de balizamento, 21.000 para barreiras de seguridade danadas e outros 21.000 para reposición de elementos de iluminación e limpeza de beiravías.
O requirimento do ministerio a Audasa para que realice estas melloras na autoestrada faise público cando aínda está pendente de concretarse a negociación entre as dúas partes para a rebaixa de peaxes prometida polo Goberno central para o mes de xullo.