O negocio redondo de Audasa: máis clientes que cada vez pagan menos e deixan un beneficio maior

Ponte de Rande na AP-9 e ingresos de Audasa CC-BY-SA Praza Pública

O aumento de beneficios da concesionaria da AP-9 vén sendo moi superior ao aumento do tráfico, con rebaixas estatais de peaxes cada vez maiores 

Novo ano, novas peaxes na AP-9. Superada a pandemia da COVID-19, a principal vía de comunicación de Galicia vén rexistrando aumentos anuais do tráfico da orde do 4% ou 5%. Porén, o incremento anual dos beneficios de Audasa, a súa empresa concesionaria, vén sendo moi superior, con porcentaxes de máis do dobre. Á súa vez, boa parte dos usuarios máis frecuentes da infraestrutura veñen pagando cada vez menos grazas ás sucesivas bonificacións das peaxes por parte da Administración, o que ofrece á empresa un negocio redondo que aínda ten por diante outros 22 anos se a UE non o detén antes pola prórroga ilegal que lle concedeu Aznar ata 2048.

Segundo os últimos datos da propia empresa, en 2024, último ano completo, o tráfico aumentou na AP-9 un 4% pero os seus beneficios fixérono un 9%. E no primeiro semestre de 2025 o tráfico aumentou un 5% e os beneficios un 13%. Unha relación de máis do dobre do aumento dos beneficios que do tráfico que hai que contextualizar coa progresiva implantación de sucesivas bonificacións das peaxes por parte da Administración.

O aumento dos ingresos de Audasa vai paralelo ao aumento das bonificacións das peaxes pola Administración

A única bonificación das peaxes implantada historicamente pola propia Audasa é o 25% de desconto na viaxe de volta nun mesmo recorrido e no mesmo día pagando co dispositivo de telepeaxe, unha medida que a empresa introduciu para facer atractiva esa forma de pago e reducir progresivamente persoal de cobro nas cabinas de peaxe. 

En 2006 chegou a primeira bonificación das administracións, a gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala, pagada daquela a medias por Estado e Xunta.

En 2013 o ministerio engadiu unha nova bonificación, a gratuidade das viaxes de volta no mesmo día entre Vigo e Pontevedra.

En 2021 chegaron o groso das bonificacións que hai actualmente vixentes. O ministerio fixo gratis todas as viaxes de volta no mesmo día e calquera viaxe Vigo-Redondela, bonificou o 50% para as idas e voltas entre Tui e Vigo, o 20% de todas as viaxes a quen faga máis de 20 viaxes nun mes e o 20% das viaxes dos vehículos pesados.

En 2025 aínda se mellorarían as anteriores bonificacións, facendo pasar do 20% ao 50% a bonificación no global de peaxes pagadas para quen faga máis e 20 viaxes ao mes.

Audasa xa obtén o 30% dos seus ingresos das arcas públicas e non das peaxes que pagan os usuarios

Polo medio, o ministerio tamén estableceu que a ampliación da ponte de Rande por parte da empresa lle fose pagada cun 1% de suba adicional das peaxes na revisión das mesmas que se fai cada 1 de xaneiro. 

Todas estas decisións da administración explican que o gráfico que rexistra o aumento progresivo dos ingresos de Audasa medre de xeito paralelo ao que reflicte as subvencións públicas destinadas a esa infraestrutura. Unhas subvencións que cada vez supoñen máis na conta de ingresos de Audasa. Dos 210 millóns ingresados en 2024, 62 chegáronlle procedentes da administración, non dos usuarios. No primeiro semestre de 2025 foron 111 millóns os ingresados, dos que o 30% chegáronlle das administracións, mentres que un ano antes, no primeiro semestre de 2024, a porcentaxe fóra do 20%.

A fin en 2023 da bonificación franquista do IBI, polo que a empresa pasou a pagar 20 veces máis, non impide que veña rexistrando sucesivos récords de beneficios

Con esta situación, os beneficios despois de impostos de Audasa veñen acadando sucesivos récords, con 90 millóns de euros en 2024. Uns beneficios que apenas se viron alterados polo remate a mediados de 2023 da bonificación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de que viña desfrutando a concesionaria desde a ditadura de Franco. A empresa pasou de pagar aos concellos polos que descorre a infraestrutura uns 380.000 euros a 7,5 millóns, 20 veces máis. E aínda así seguiu batendo récords de beneficios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.