Tras agardar o ministerio ao último momento para facer oficiais as porcentaxes de suba, así quedan as peaxes concretas tras redondealas as concesionarias de cinco en cinco céntimos para cada treito de autoestrada en Galicia
Como vén sendo habitual, o Ministerio de Transportes volveu agardar ata o último momento para divulgar a porcentaxe de suba das peaxes das súas autoestradas a partir do 1 de xaneiro en función da inflación e outros condicionantes do último ano. Esa porcentaxe debe ser despois redondeada de cinco e cinco céntimos, polo que a peaxe concreta de cada treito no novo ano non se coñece ata que cada concesionaria fai públicas cadansúas novas táboas de prezos.
Sen contar as bonificacións sucesivas que se foron aprobando nos últimos anos en todas as autoestradas galegas, tanto estatais como autonómicas, estas son as novas peaxes para 2026.
Na AP-9 a suba autorizada polo ministerio foi do 4,68%, máis que a inflación do último ano para compensar de xeito progresivo en varios exercicios que hai tres anos non subisen tanto como a inflación. Unha compensación que debera rematar a finais deste 2026. Ademais, nesta autoestrada aplícase un 1% máis para ir compensando ao longo de varios anos a obra de ampliación da ponte de Rande. Feitos estes axustes, e sen ter en conta as sucesivas rebaixas para usuarios recorrentes e vehículos pesados, as peaxes concretas agora actualizadas por Audasa fan que a viaxe en coche entre A Coruña e Vigo quede en 21,40 euros, 95 céntimos máis que o ano pasado.
Nos traxectos intermedios, Vigo-Pontevedra pasa de 4,85 a 5,05 euros e Santiago-A Coruña de 8,40 a 8,80 euros. O recorrido total Ferrol-Tui pasa de 26,85 euros a 28,10 euros.
Na AP-53 Santiago-Lalín, tamén con descontos desde comezos de 2025 para usuarios recorrentes, a suba autorizada polo ministerio é do 3,64%. Con ela, e logo de que a concesionaria aplique o correspondente redondeo, a viaxe entre esas dúas localidades pasará dos anteriores 7 euros a 7,25 euros.
No que respecta ás autoestradas autonómicas, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor, a Xunta decidiu este ano volver conxelar as peaxes para os usuarios e asumir a suba a que ten dereito a concesionaria con cargo ás arcas públicas. Así o fixo xa o Goberno galego en 2023 e 2024, mentres que en 2025 si repercutiu unha suba do 1,7% nas peaxes que pagan os usuarios.
Nestas dúas autoestradas autonómicas hai bonificacións para usuarios recorrentes, viaxes nocturnas e familias numerosas, pero sen elas a viaxe entre A Coruña e Carballo seguirá a custar este ano 2,60 euros e entre Vigo e Baiona 1,75 céntimos.