O Goberno galego gastou uns 30.000 euros no primeiro ano de implantación dunha medida na que se deron de alta 698 das 27.000 familias numerosas existentes no país
Hai un ano, o 10 de agosto de 2021, a Xunta publicou o decreto co que implantou nas dúas autoestradas da súa titularidade (AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Vigo-Baiona) a gratuidade das viaxes de volta agás domingos e festivos ás familias numerosas, medida que viña prometendo Feijóo desde dous anos antes. Para beneficiarse da rebaixa as familias deben ter sistema de telepeaxe e darse de alta ante a concesionaria das autoestradas. Un ano despois da súa implantación, só están dados de alta 698 dispositivos de telepeaxe como pertencentes a familias numerosas, o 2,5% das 27.000 familias numerosas existentes en Galicia.
Ademais, nos primeiros dez meses e medio coa medida en vigor o Goberno galego pagou á concesionaria polos descontos menos de 30.000 euros, o que supón unha media de catro euros ao mes de aforro por familia. Así o vén de trasladar oficialmente a Xunta a Praza.gal tras unha petición de transparencia inicialmente non atendida e na que tivo que intervir a Valedora do Pobo.
Ao tempo que os sucesivos ministerios de Fomento ou Transportes introduciron progresivos descontos na AP-9, os gobernos de Feijóo foron respondendo implantando as súas respectivas rebaixas nas peaxes das dúas autoestradas da súa titularidade, entre A Coruña e Carballo e entre Vigo e o Val Miñor, importantes a nivel comarcal pero menos relevantes para a mobilidade no conxunto do país. Primeiro foi unha rebaixa para todos os usuarios do 25% na primeira viaxe de volta no mesmo día laborable e do 50% na segunda. Despois unha rebaixa do 50% nas viaxes entre as doce da noite e as seis da mañá. E no debate sobre política xeral de setembro de 2019 o propio Feijóo anunciaría a terceira, unha rebaixa para as familias numerosas.
Os datos obtidos agora por Praza.gal son froito dunha petición oficial de transparencia novamente non atendida pola Xunta ata que interveu a Valedora do Pobo
Durante os dous anos seguintes o Goberno galego seguiu publicitando a medida, que non se concretou ata o 10 de agosto do pasado ano, cando se estableceu que os beneficiarios deben dar de alta ante a concesionaria das autoestradas os seus sistemas de telepeaxe e certificar que son familias numerosas para poder ter os descontos. Un sistema que establece que só pode haber un sistema de telepeaxe ou OBE (On Board Equipment) asociado por familia numerosa a non ser que os pais estean divorciados ou sexan familias numerosas de carácter especial, isto é, as que teñen cinco ou máis fillos ou catro con algún adoptado.
Un ano despois da implantación dos descontos este diario formulou unha petición oficial de transparencia para coñecer o número de dispositivos de telepeaxe asociados ao sistema e o importe mensual abonado pola Xunta ás concesionarias. O Goberno galego, como adoita, non respondeu á petición de transparencia e formulouse un recurso ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión de Transparencia de Galicia.
Tras a súa petición de explicacións á Xunta, esta respondeu finalmente indicando que o número de dispositivos de telepeaxe dados de alta como familia numerosa é de 698. E que o importe pagado pola Xunta á concesionaria ata o 30 de xuño deste ano, nos primeiros dez meses e medio, foi de 29.735,35 euros.
Isto é, apenas o 2,5% das 27.000 familias numerosas existentes en Galicia se deron de alta para poder obter os descontos, menos se algúns dos 698 dispositivos pertencen a familias especiais ou divorciadas. E o reparto dos preto de 30.000 euros entre os dispositivos inscritos e os dez meses e medio contabilizados supón unha media duns catro euros mensuais de desconto por familia.
Como contexto, cando a Xunta concretou a medida hai un ano asegurou que con ela esperaba bonificar "máis de 80.000 viaxes ao ano", o que suporía o 0,9% dos tráficos das súas dúas autoestradas.
A resposta oficial da Xunta, demorada, chegou por outra parte ao tempo que o Goberno galego anunciou que en 2023 conxelará a suba das peaxes nas súas autoestradas a todos os usuarios asumindo o incremento ao que teñen dereito as concesionarias con fondos propios. Segundo as cifras da propia Xunta, en 2023 todos os descontos en peaxes que estarán en vigor sumarán entre 4,5 e 5 millóns de euros, entre os que os 30.000 euros para familias numerosas son unha moi pequena parte, mentres que as autovías con peaxes na sombra suporán un desembolso superior aos 80 millóns de euros.