Os anteriores descontos para viaxes nocturnas implantados hai dous anos chegaron ao 2% dos usuarios
Ao tempo que valorou como insuficientes as rebaixas de peaxes introducidas polo Goberno de España na AP-9 desde a pasada semana, a Xunta asegurou que este mes de agosto estarán en vigor os novos descontos prometidos por Feijóo desde hai dous anos para familias numerosas nas dúas autoestradas da súa titularidade, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor. Unhas rebaixas que se traducirán na gratuidade das viaxes de volta excepto en domingos e festivos e que segundo a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “bonificarán máis de 80.000 viaxes ao ano”.
Atendendo ás características concretas da nova medida, a gratuidade das viaxes de volta para as familias numerosas suporán beneficiar ao 0,9% dos tráficos das dúas autoestradas, porcentaxe que contrasta coa cifra ofrecida polo Ministerio de Transportes para as rebaixas que vén de implantar na AP-9, das que sen valorar outros tipos de descontos sinala que “o 19,4% dos tránsitos que realicen os vehículos lixeiros nos treitos de pago directo pasarán a ser gratuítos de forma inmediata fronte ao 8% previo”.
Antes da gratuidade nas viaxes de volta para familias numerosas a Xunta xa implantara en outubro de 2019 rebaixas do 50% para as viaxes entre as cero horas e as seis da madrudada. A medida beneficiou ao 2% dos usuarios das dúas autoestradas galegas.
As 80.000 viaxes bonificadas ao ano supoñen unhas 270 ao día, fronte aos máis de 29.000 tráficos diarios que rexistran as dúas autoestradas galegas
As 80.000 viaxes de volta ao ano que a Xunta fará gratuítas para as familias numerosas supoñen unhas 270 viaxes ao día descontando os domingos e festivos en que a bonificación non é aplicable. Segundo as cifras oficiais da propia Xunta, en 2019, último ano completo sen efecto do coronavirus sobre o tráfico, a AG-55 rexistrou no seu punto con máis tráfico unha media de 16.608 vehículos en día laborable e a AG-57 unha media de 12.629. Isto é, os 270 tráficos diarios bonificados supoñen un 0,9% dos algo máis de 29.000 vehículos que usan as dúas autoestradas autonómicas fóra dos domingos e festivos.
Este diario preguntou á consellería cal é a súa estimación de familias numerosas que resultarán efectivamente beneficiadas da medida para poder estimar en 80.000 as viaxes anuais bonificadas, pero a súa resposta, remitindo a unha nota de prensa xa feita pública, é que “a medida vai dirixida ás case 27.000 familias numerosas que hai en Galicia”. Isto é, a medida beneficiaría a diario a un 1% desas familias, que ademais deben realizar un proceso de rexistro para poder acceder a ela. Outra posibilidade é que cada unha das 27.000 familias numerosas de Galicia vexa bonificadas un total de 3 viaxes ao ano.
Xunto co novo desconto da gratuidade das viaxes de volta para as familias numerosas e o implantado hai dous anos do 50% de rebaixa nas viaxes nocturnas, a Xunta tamén vén de modificar as rebaixas do 25% para a primeira viaxe de volta para calquera usuario e do 50% para as segundas ou sucesivas voltas. Ata agora eran aplicadas se esas viaxes de volta se producían no mesmo día natural, e agora terase en conta un prazo de 24 horas desde a primeira viaxe de ida.