“O Consello de Ministros declinou a nosa proposta pero cremos que hai xurisprudencia da UE e que as concesións non se renovaron correctamente”, destacou Natalia Blanco, directora xeral de Apetamcor, en declaracións a Praza.gal.
“O Consello de Ministros declinou a nosa proposta pero cremos que hai xurisprudencia da UE e que as concesións non se renovaron correctamente”, destacou Natalia Blanco, directora xeral de Apetamcor, en declaracións a Praza.gal.
A asociación galega que representa a pemes e autónomos do transporte de mercadorías por estrada, Apetamcor, anunciou este sábado que recorrerá ante o Tribunal Supremo (TS) a decisión do Consello de Ministros do pasado 2 de decembro de 2025 de non admitir á súa solicitude para revisar de oficio as prórrogas da Autoestrada do Atlántico, a AP-9.
Apetamcor presentara en agosto a súa solicitude para a nulidade das prórrogas. Daquela o avogado Xoán Antón Pérez Lema explicaba que “as dúas prórrogas foron concedidas sen procedemento aberto, modificando o réxime concesional de forma substancial. Iso convérteas en nulas de pleno dereito. Coa revisión de oficio, o Goberno pode cumprir co que esixe a Unión Europea sen necesidade de pagar indemnización por lucro cesante. É a vía máis lóxica e económica”. Mais o Goberno rexeitou a solicitude, polo que a asociación dá un paso máis, polo camiño xudicial.
A asociación anunciou este sábado o recurso, logo de que a xunta directiva aprobara este procedemento en consonancia coa recomendación do informe do profesor da UDC Carlos Aymerich
Representantes da asociación anunciaron este sábado o recurso, logo de que a xunta directiva aprobara este procedemento en consonancia coa recomendación do informe ‘Parecer xurídico sobre a ilegalidade e as vías para impugnar a resolución do Consello de ministros de 2 decembro de 2025 de inadmisión da solicitude de revisión de oficio formulada por Apetamcor contra os reais decretos de 1994 e 2000 que prorrogaron a concesión da autoestrada Ap-9’ elaborado polo profesor de Dereito administrativo da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich Cano. A asociación confía en ter unha resposta nun periodo de seis ou sete meses.
No seu informe Carlos Aymerich detalla que a resolución de inadmisión do Consello de Ministros foi adoptada prescindindo do procedemento legalmente estabelecido e contra esa resolución cabe recurso contenciosoadministrativo perante a Sala 3ª do Tribunal Supremo, que debe ser interposto no prazo de dous meses contados desde a notificación.
“As pretensións exercitadas a través deste recurso sería non só da de declarar non conforme a dereito a resolución impugnada mais tamén a de, entrando no fondo do asunto, declarar nulas de pleno dereito as prórrogas do prazo concesional da AP-9”, refire o xurista no documento.
A AP-9, unha infraestrutura estratéxica que conecta cinco do sete principais cidades galegas, "debería estar ao servizo do interese xeral e non supeditada a prórrogas consideradas ilegais por instancias comunitarias", salientan desde a organización.