“A este Goberno gústalle moito máis recorrer de inconstitucionalidade as normas da Xunta que traspasar competencias”, di o aínda presidente, que obvia os seis anos e medio nos que coincidiu cun executivo central do PP
O deste xoves 28 de abril de 2022 foi o derradeiro Consello da Xunta ordinario do presidente Feijóo tras 13 anos no cargo. Pode que aínda convoque un Consello extraordinario para comunicar ao seu Goberno a súa dimisión, e os consellos que se celebren despois ata a toma de posesión do seu sucesor, Alfonso Rueda, estarán limitados a cuestións de trámite, ao estar o seu executivo en funcións.
Pero o deste xoves foi o último con plenas competencias, que Feijóo aproveitou para pechar a súa xira de despedida das cidades anunciando diversos investimentos para Santiago de Compostela (a ampliación da sede central da Xunta ou do hospital, entre outros). Tamén para nomear o xornalista Carlos Herrera como Embaixador do Camiño e, durante as preguntas dos medios de comunicación, para exercer como novo líder da oposición contra Pedro Sánchez.
Foi durante esa quenda de preguntas cando Feijóo tamén atribuíu a Sánchez a responsabilidade de ser el mesmo o primeiro presidente da Xunta, dos cinco que houbo ata agora, que deixa o cargo sen lograr unha nova competencia para Galicia, como contou hai uns días Praza.gal.
Segundo a resposta que deu Feijóo á pregunta sobre as súas propias responsabilidades nos traspasos de competencias, “a este Goberno gústalle moito máis recorrer de inconstitucionalidade as normas da Xunta que traspasar competencias”. O presidente enumerou diversos recursos presentados nos últimos tempos polo executivo de Sánchez contra leis autonómicas, pero nada dixo do que sucedeu en anos anteriores.
Dos 13 anos que leva Feijóo á fronte da Xunta, durante menos dos tres primeiros coincidiu co goberno central do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, nos seguintes seis anos e medio o seu interlocutor foi o popular Mariano Rajoy, e só nos últimos catro anos foi Sánchez o inquilino da Moncloa. Malia gobernar o mesmo tempo con presidentes estatais socialistas que e populares, e corresponder a Sánchez menos dunha terceira parte do total, Feijóo elixiu facelo a el responsable.
Feijóo tamén lembrou que o BNG aínda non logrou a transferencia da AP-9 que comprometeu con Sánchez pero obviou que o PP bloqueou durante anos o debate
Pero o aínda presidente da Xunta tamén desviou responsabilidades cara ao BNG. Sen citalo expresamente, Feijóo lembrou que os nacionalistas apoiaron no seu momento a investidura de Sánchez a cambio da transferencia a Galicia das competencias sobre a AP-9, cuestión que segue sen concretarse. Porén, non dixo nada do tempo no que o PP estatal foi quen bloqueou sequera debater sobre esa posible transferencia.