Terceiro intento e terceiro veto. O Goberno central vén de rexeitar por terceira vez que o Congreso dos Deputados poida sequera debater a transferencia á Xunta, como pide de xeito unánime o Parlamento galego, da titularidade da Autoestrada do Atlántico (AP-9) actualmente do Ministerio de Fomento. Faino agora ao vetar a tramitación na Cámara Baixa dunha Proposición de Lei presentada por En Marea argumentando, como nas dúas ocasións anteriores, que podería supor un incremento dos gastos do Estado. Este luns, ao desvelar este novo veto, a portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, criticou que “o Goberno absolutista de Rajoy teme perder a votación e que se visibilice o seu apoio a Audasa, por iso vetan o debate”.
En Marea, impulsora da última iniciativa, critica que “o Goberno absolutista de Rajoy teme perder a votación e que se visualice o seu apoio a Audasa”
A transferencia da titularidade da AP-9 do Ministerio de Fomento á Xunta é unha petición unánime de todo o Parlamento de Galicia, que en marzo de 2016 aprobou unha proposición de lei que remitiu ao Congreso para o seu debate alí. En outubro dese ano o Goberno vetou por primeira vez ese debate amparándose no artigo 134.6 da Constitución, que permite ao Executivo impedir que sexan sequera tramitados para o seu debate parlamentario os proxectos de lei que impliquen incrementos de gastos ou diminucións de ingresos nos orzamentos do Estado. Fíxoo esgrimindo nun hipotético rescate futuro da autoestrada por parte da Xunta que obrigaría ao seu ver ao ministerio a achegar fondos estatais, que con cálculos erróneos elevaba a 4.300 millóns de euros.
En marzo de 2017 os letrados do Congreso desmontaron os argumentos do Goberno de Rajoy a ese e outros vetos a tramitar leis, pero a Mesa da Cámara, presidida pola ex-ministra popular de Fomento Ana Pastor e co apoio de Ciudadanos, que podería levantar eses vetos, ratificounos posteriormente.
O Goberno central ampárase no artigo 134.6 da Constitución, que permite ao Executivo impedir que sexan sequera tramitados para o seu debate parlamentario os proxectos de lei que impliquen incrementos de gastos nos orzamentos do Estado
En maio de 2017 todos os grupos do Parlamento galego volveron aprobar unha nova proposición de lei para enviar ao Congreso cunha redacción pensada de xeito específico para evitar o veto do Goberno. Nela deixábase claro que o traspaso non suporía ningún incremento dos custos para o Estado. De nada serviu, porque a finais de xuño o Goberno central volvía vetar a súa tramitación cunha argumentación máis elaborada que na primeira ocasión pero co mesmo resultado final: que a transferencia a Galicia podería supor incrementos de custo para as contas estatais, o que permitía ao Executivo ampararse no antedito artigo 134.6 da Constitución.
Tras o segundo veto, os partidos galegos adoptaron distintas estratexias. O PP, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, restou relevancia á transferencia, xustificou o veto co argumento de que o conflito catalán non facía recomendable novas transferencias e salientou as supostas melloras na xestión da infraestruturas logradas coas súas negociacións políticas ante Fomento. O PSdeG propuxo que un grupo de deputados galegos comisionados pola Cámara autonómica viaxase a Madrid e rebatese ante a Mesa do Congreso dos Deputados os argumentos do Goberno central. O BNG, que non ten representación en Madrid, recorreu o veto do Goberno central ante o Tribunal Constitucional. E En Marea teimou en presentar, pola súa conta, unha nova Proposición de Lei no Congreso dos Deputados. É esa iniciativa a que Fomento volve vetar recuperando textualmente os argumentos do seu segundo veto.
No documento co que argumenta o seu veto Fomento tamén aproveita para facer propaganda do seu traballo e asegurar que está a mellorar o servizo que presta a concesionaria
No documento divulgado este luns por Alexandra Fernández, Fomento copia e pega a maioría dos argumentos do seu segundo veto. Insiste, replicando novamente o seu cálculo erróneo, en que tendo en conta as bonificacións actuais de peaxes e os ingresos que vén obtendo a concesionaria, un hipotético rescate da concesión por parte da Xunta se lle transfire a titularidade podería custarlle ás arcas estatais “ata un total de 8.870 millóns de euros”. E sen que teña nada que ver co veto á transferencia, Fomento tamén aproveita para facer propaganda do seu traballo e lembra no seu escrito que en xullo de 2014 abriu un expediente informativo a Audasa que segundo di permitiu “detectar posibles actuacións de mellora que se están desenvolvendo”.
“Máis aló da transferencia, unha minoría parlamentaria non pode converter o Congreso nun reino absolutista", di Alexandra Fernández
Na súa comparecencia en Vigo, a deputada de En Marea criticou que “o PP emprega argumentos falsos para xustificar o veto” e atribúeo a que “teme perder a votación no Congreso e que se visualice que os seus deputados votan a favor de Audasa”. “Máis aló da transferencia, unha minoría parlamentaria non pode converter o Congreso nun reino absolutista, que é o que está facendo Rajoy cada vez que ven que poden perder unha votación, está creando un filtro sobre a democracia”, lamentou.