Dous galegos falecidos e dous desaparecidos no naufraxio do Argos Georgia nas Malvinas

O Argos Georgia, nunha imaxe da armadora, a empresa británico-norueguesa Argos Froyanes © Argos Froyanes

O palangreiro sufriu unha vía de auga a unhas 200 millas das Malvinas por causas que aínda se descoñecen

Nove persoas mortas e outras catro desaparecidas. Este é, contra o mediodía deste 24 de xullo, o balance do naufraxio do palangreiro Argos Georgia a unhas 200 millas da costa das Illas Malvinas. Entre os falecidos hai dous traballadores galegos, un patrón de pesca de Vigo, César Acevedo, e un cociñeiro de Baiona, Santiago Leyenda. E entre os desaparecidos tamén se atopan dous tripulantes de Galicia.

O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, ratificou este mércores os detalles coñecidos ata agora do accidente sufrido por este buque, con bandeira da colonia británica de Santa Helena e apenas media década de antigüidade. Traballaba con 27 tripulantes a bordo cando enviou o aviso de que "sufrira unha vía de auga e estaba afundindo".

Dez persoas de nacionalidade española, 8 de orixe rusa, 5 indonesios, dous uruguaios e outros dous peruanos, resume Blanco, compuñan a tripulación que abandonou o buque en tres balsas salvavidas. Fixérono en "condicións moi desfavorables", segundo describen os servizos de salvamento marítimo das Malvinas, cun vento duns 35 nós e ondas de ata oito metros que fan "moi complexo" efectuar o rescate.

Entre as 14 persoas sobreviventes atópanse catro tripulantes galegos: tres veciños de Ribeira e un de Pontevedra

As catorce persoas que sobreviviron, explica o delegado gobernamental, apenas padecen "lesións leves". Entre eles están catro galegos: tres veciños de Ribeira e un de Pontevedra. Tamén hai galegos entre as catro persoas desaparecidas, confirma: un traballador ribeirense e outro, noiés.

Os sobreviventes e tamén os corpos recuperados das nove persoas falecidas, indica Blanco, estaban a ser trasladados ao porto de Stanley mentres continúan os labores de busca dos desaparecidos. O Goberno de España, agrega, está en contacto coas familias e xa lles avanzou que "non imos escatimar esforzos", polo que "se cumprise", o Estado poría á disposición un avión para traelos de volta, xa que dende a zona "non existen voos comerciais" para o retorno.

Botadura do Argos Georgia en 2017 © Argos Froyanes

O Argos Georgia é propiedade da armadora británico-norueguesa Argos Froyanes, que conta con sedes nas Malvinas, Noruega, Xibraltar, Uruguai e Nova Zelandia. O barco, segundo a información oficial da propia empresa, foi construído nos estaleiros turcos Tersan e a súa botadura celebrouse o 15 de setembro de 2017. Estaba concibido para levar a bordo ata 28 tripulantes, incluíndo observadores científicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.