As mortes no 'Albacora Cuatro' e no 'Pitanxo' poñen o foco na sinistralidade laboral no mar, cun cento de vítimas nunha década

O pesqueiro Villa de Pitanxo, con base en Marín, nunha imaxe de arquivo © VesselFinder.com

Galicia é dende hai anos un dos territorios do Estado con máis mortes en accidente laboral. Nos últimos 35 anos producíronse máis de tres mil falecementos (2.886 entre 1988 e 2021) e 33 no que levamos de 2022. As cifras anuais de mortes foron descendendo, dende as máis de 100 defuncións que se producían nos anos 90 ata as 50 dos últimos anos. Porén, a taxa anual de mortes en accidentes laborais (número de mortes por cada 100.000 traballadores/as) en Galicia é moi superior á do conxunto do Estado (4,82 fronte a 3,09). Nese indicador Galicia só é superada por Estremadura e Asturias.

Chama a atención a gran cantidade de falecementos que se rexistran no sector da pesca e acuicultura, apenas con 20 mil empregados e empregadas en Galicia, pero que entre 2010 e 2020 sumou por si só 98 mortes

Entre esas tres mil mortes dende o ano 1988 chama a atención a gran cantidade de falecementos que se rexistraron no sector da pesca e acuicultura, apenas con 20 mil empregados e empregadas en Galicia, pero que entre 2010 e 2020 (último ano con datos completos) sumou por si só 98 mortes, ás que hai que suman varias máis neste ano 2022. Afundimentos, explosións, afogamentos e outros accidentes elevan as cifras de mortes no mar, onde moitas veces os sinistros adquiren a máxima gravidade.

Nos últimos meses o afundimento do Villa de Pitanxo ante as costas de Terranova, que provocou a morte de 21 mariñeiros, puxo o foco na perigosidade do traballo no mar, nun caso no que o xuíz ve indicios que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores". Este mércores, novamente, Galicia tivo que lamentar un novo sinistro mortal, desta volta co falecemento de dous mariñeiros do atuneiro vigués Albacora Cuatro mentres o buque era reparado nas Seychelles. 

Nos últimos meses o afundimento do Villa de Pitanxo ante as costas de Terranova, que provocou a morte de 21 mariñeiros, puxo o foco na perigosidade do traballo no mar

As primeiras informacións apuntan a unha fuga de amoníaco no sistema de refrixeración como a causa do sinistro, que tamén provocou feridas a outros oito traballadores, que se recuperan nun centro sanitario do arquipélago do Océano Índico. Os dos falecidos no Albacora Cuatro, un buque de 1974 pero reformado en 1988, residían en Vigo pero procedían de Ribeira.

En conxunto, sumadas as mortes que se produciron no Pitanxo e no Albacora, na última década rexistráronse máis dun cento de falecementos en accidente de traballo nos sectores da pesca e da acuicultura. Foron varios os anos que, coma neste 2022, se superaron as dez defuncións, coma o 2014 (20) ou o 2016 (13), aínda que a gráfica amosa unha triste regularidade, con poucos exercicios con cifras reducidas de mortes.

Os sindicatos alertan das condicións técnicas e de mantemento dos propios buques, pero sobre todo sobre as condicións de traballo ás que son sometidos os mariñeiros embarcados

A traxedia do Pitanxo uniuse a outros graves sinistros que nos últimos anos, de forma periódica, teñen lugar no mar en Galicia ou que afectan a barcos galegos que pecan noutras augas ou a mariñeiros galegos que traballan en buques de bandeiras diversas. O afundimento do Zafir no 2000 (13 mortes), do Arosa no 2000 (13 mortes), do Bahía no 2004 (12 mortes) ou do Silvosa e do Sin Querer Dos no 2018 (4 mortes en total en días consecutivos) engrosan unhas cifras que dende anos xustifican os chamamentos á adopción de maiores medidas de seguridade para buques e traballadores.

Nos últimos anos os sindicatos viñeron chamando a atención sobre a elevada sinistralidade no sector pesqueiro, especialmente sobre o gran número de accidentes mortais. Nas súas análises, as centrais sindicais incidían nas condicións técnicas e de mantemento dos propios buques, pero sobre todo nas condicións de traballo ás que eran sometidos os mariñeiros embarcados, en moitas ocasións con contratos precarios, xornadas de traballo longas e con pouco descanso e carecendo moitas veces dos equipos de seguridade axeitados. 

O atuneiro vigués Albacora Cuatro, nunha imaxe de arquivo © Vessel Finder

Tamén se denuncia que "a atención médica nas embarcacións é limitada, con maior dificultade para recibir asistencia e tratamento adecuados en caso de accidente ou enfermidade". O propio Ministerio de Traballo subliña, nun informe publicado nos últimos anos, que "as causas máis numerosas nos accidentes investigados están relacionadas con deficiencias na organización do traballo".

O propio Ministerio de Traballo subliña, nun informe publicado nos últimos anos, que "as causas máis numerosas nos accidentes investigados están relacionadas con deficiencias na organización do traballo"

O afundimento do Pitanxo espertou as críticas dos sindicatos tanto pola "falta de vontade política" para impulsar unha operación de rescate dos corpos dos mariñeiros falecidos coma, sobre todo, para investigar as causas do sinistro e para adoptar medidas que impiden a repetición desta traxedia. Por exemplo, neste caso, a maior parte da tripulación non vestía o traxe de supervivencia, "só o patrón e o seu sobriño", como denunciou CCOO, que alertou igualmente de que "os tempos de traballo e descanso non se respectaban". Así mesmo, denunciouse a presenza no barco de varios tripulantes con COVID (incumprindo os protocolos).

“As mortes son noticia nos medios de comunicación no propio día, pero pasan ao esquecemento con notable rapidez e finalmente convértense nunha nota estatística máis”, di CC.OO.

"A estas e outras cuestións débese de dar resposta non só para esclarecer os feitos e depurar as responsabilidades, senón para determinar si os protocolos existentes e as inspeccións son as necesarias e efectivas para evitar a repetición deste tipo de accidente", sinalou Comisións Obreiras, que denunciou publicamente que “son xa demasiadas as mortes accidentais que se están producindo no mar”, sen que as investigacións oficiais "sirvan para reducir a súa incidencia nin para que se apliquen melloras substanciais” nas condicións de traballo. “As mortes son noticia nos medios de comunicación no propio día, pero pasan ao esquecemento con notable rapidez e finalmente convértense nunha nota estatística máis”, engadía a central.

Un barco no Gran Sol © http://barcosdelgran-sol.blogspot.com.es/

A CIG vén reclamando que se "investigue o acontecido" co Pitanxo e que se "depuren responsabilidades", unha investigación “vital para poder adoptar as medidas necesarias que impidan que unha traxedia coma esta poida repetirse”

En termos moi semellantes a CIG vén reclamando que se "investigue o acontecido" e que se "depuren responsabilidades", unha investigación “vital para poder adoptar as medidas necesarias que impidan que unha traxedia coma esta poida repetirse”, sinalou o responsable da CIG-Mar, Xavier Aboi. 

O sindicato nacionalista criticou con dureza a falta de esforzos dedicados a buscar os corpos dos mariñeiros desaparecidos ou recuperar os restos do barco afundido. A CIG lembrou neste senso o sucedido hai máis de 30 anos tras o naufraxio do pesqueiro guardés 'Velasco II', cando outras embarcacións de pesca tiveron que facerse cargo da busca unha vez que as autoridades responsables de salvamento deron por finalizados os traballos. “Máis de tres décadas despois semella que as cousas non mudaron demasiado para a xente do mar”, laiábase Aboi.

"Detrás destes accidentes existe sempre algún tipo de incumprimento, de falta de medidas e medios de prevención, de neglixencia empresarial, de precariedade laboral e moi pouco control por parte dos organismos competentes", di CC.OO.

Así mesmo, nos últimos dous anos vivíronse a bordo de varios buques galegos da frota de altura un gran número de conflitos debido á aparición de gromos de COVID, cuxa xestión non sempre se axustou aos protocolos, controis e medidas de seguridade fixados para este tipo de embarcacións e de espazos de traballo nos que os empregados deben permanecer de forma ininterrompida durante días. Buques coma o Venturer ou o Argos Pereira tiveron que ser confinados en portos de Brasil e Uruguai ao detectarse un gromo de coronavirus. E o mesmo sucedeu con barcos que regresaran a portos galegos, coma o Adviento I

A CIG-Mar esixiu nestes casos "un protocolo claro de actuación" ante estas situacións, denunciando que a falta de controis e de elementos de información e asistencia para os traballadores eran "unha mostra da falta de garantías coas que conta o persoal de moitos barcos", en espazos de traballo que escapan do control das autoridades laborais.

Interior do arrastreiro vigués 'Venturer' © CIG

A sucesión de accidentes laborais mortais no mar nos últimos meses está a contribuír a que o inicio de 2022 sexa un dos máis negativos dos últimos anos en Galicia. Tan só entre xaneiro e abril morreron 33 traballadores en accidente laboral, fronte aos 48 de todo o ano 2021. Entre xaneiro e abril do pasado ano só se produciran 8 falecementos en Galicia. En resposta, nas últimas semanas CCOO esixiu publicamente "máis medios para garantir a seguridade" e chamou a "non considerar normal que alguén perda a vida no traballo".

Só de xaneiro a abril morreron 33 traballadores en accidente laboral, fronte aos 48 de todo o ano 2021. Entre xaneiro e abril do pasado ano só se produciran 8 falecementos en Galicia

"Detrás destes accidentes existe sempre algún tipo de incumprimento, de falta de medidas e medios de prevención, de neglixencia empresarial, de precariedade laboral e moi pouco control por parte dos organismos competentes", sinala a este respecto Armando Iglesias Rodríguez, responsable da Secretaría de Saúde Laboral de CCOO-Galicia, que cualifica de "arrepiantes" os datos deste inicio de ano. "Necesitamos poñer a prevención de riscos laborais no centro da recuperación e poñer as persoas no centro de todas as políticas. Porque a saúde é un dereito fundamental tamén no traballo", di.

Os sindicatos lembran ademais que "a máis precariedade, máis sinistralidade", pois o persoal temporal sofre máis accidentes laborais

Os sindicatos lembran ademais que "a máis precariedade, máis sinistralidade", pois o persoal temporal sofre máis accidentes laborais. En concreto, as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada. "A prevención de riscos laborais e o emprego de calidade son os únicos camiños eficaces na redución da sinistralidade laboral. Cómpre investir en formación e sensibilización para que se identifique a sinistralidade como un problema social grave", subliñaba en conversa con Praza.gal Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO-Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.