O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno acordou remitir a Marín a investigación sobre o naufraxio do buque Villa de Pintaxo, na que, segundo explica o auto, ve indicios que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores" tras o naufraxio acontecido o pasado 15 de febreiro nas augas de Terranova.
A decisión chega logo de que a Fiscalía considerase que a competencia pertencía ao xulgado territorial, porque é a localidade onde radica o porto base do barco. No auto do pasado luns, o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2 alíñase coa posición do Ministerio Fiscal e lembra que a doutrina do Supremo e os tratados internacionais recoñecen a soberanía ao Estado de orixe do buque para evitar lagoas competenciais en alto mar.
O xuíz ve "elementos indiciarios" que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores"
Xa que logo, o xuíz advirte que o ocorrido no naufraxio son feitos cometidos dentro do territorio español, quedando a investigación do devandito incidente fóra das competencias da Audiencia Nacional.
"Nas presentes dilixencias hase acudir, de conformidade co informe do Ministerio Fiscal, ao atoparnos ante supostos delitos cometidos nun buque español afundido en augas internacionais, ao artigo 15 da Lei de Enxuizamento Criminal, correspondendo a competencia ao Xulgado de instrución de Marín", advirte o maxistrado nun auto ao que tivo acceso Europa Press.
O auto explica que a causa incoouse logo dunha denuncia da Garda Civil de Pontevedra tras tomar declaración a tres superviventes, un dos cales mudou a declaración que prestara inicialmente sobre a forma na que se produciu o afundimento e as mortes por hipotermia dos tripulantes.
Así, e antes de que se leve a cabo a instrución no xulgado de Marín, o xuíz induce que "se concitan elementos indiciarios" que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores".
Por outra banda, o Villa de Pitanxo acumulaba varias sancións por infraccións graves de pesca ilegal, entre elas, capturas de fletán negro sen declarar. Así consta nunha serie de sentenzas da Audiencia Nacional, a última delas en xullo de 2020. Ademais, o patrón e o armador tamén foron sancionados por varios procesos relacionados coa elminación ou oclutación de probas nas inspeccións, ausencia de autroizacións ou incumprimentos nas capturas.