Trump quere "controlar" Venezuela ata que haxa unha "transición" e ameza cun segundo ataque

Rolda de prensa de Donald Trump para informar do ataque militar contra Venezuela © The White House

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump afirma que quere "controlar" Venezuela ata que haxa unha "transición segura, adecuada e sensata". "Non queremos que ninguén máis tome o poder, así que imos gobernar o país", engadiu despois na rolda de prensa convocada na súa residencia privada de Florida, aínda que sen detallar de que xeito exercería este control nin como sería esa "transición". Con todo, si que ameazou cun segundo ataque militar contra Venezuela se o Goberno de Caracas exerce resistencia.

Trump tamén manifestou a súa intención de facerse con control da industria petrolífera de Venezuela, que posúe as meirandes reservas do planeta, co obxectivo de "xerar ingresos"

Trump tamén manifestou a súa intención de facerse con control da industria petrolífera de Venezuela, que posúe as meirandes reservas do planeta, co obxectivo de "xerar ingresos". "O negocio petroleiro en Venezuela foi un fracaso total durante moito tempo. Non estaban extraendo case nada en comparación co que poderían ter extraído", engadiu.

Trump lembrou tamén as nacionalizacións levadas a cabo nas últimas décadas polo Goberno de Venezuela, buscando que os beneficios do petróleo revertesen no pobo venezolano. “Construímos a industria petroleira venezolana e o réxime socialista nola roubou. Isto constituíu un dos meirandes roubos de propiedade estadounidense.

Donald Trump publicou na súa rede social Truth unha imaxe de Nicolás Maduro, secuestrado e esposado a bordo do buque USS Iwo Jima © Truth

Trump louvou a Doutrina Monroe ("América para os americanos") e o dereito dos Estados Unidos a intervir no "hemisferio occidental". Tamén se manifestou de acordo co novo termo Doutrina Donroe (mestura de Donald e de Monroe), acuñada recentemente polo New York Post e que se basea no obxectivo de "restaurar a preeminencia estadounidense ni hemisferio occidental".

Aínda que repetiu en varias ocasións que Venezuela debe encamiñarse a unha "transición", non aclarou se a actual oposición, á que non mencionou en ningún momento, terá participación nela, ou se esta transición será liderada polo propio chavismo no poder

A intervención convocada polo mandatario estadounidense foi, como adoito, grandilocuente e excesiva en adxectivos, pero parca en detalles concretos. Trump destacou a "valentía" dos soldados que participaron nos ataques e no secuestro de Maduro, que se atopaba "nunha fortaleza militar fortificada no corazón de Caracas", dixo. "Ningunha outra nación podería telo feito", afirmou, destacando que ata 150 aeronaves participaron na operación.

Porén, Trump foi moi pouco preciso á hora de revelar os próximos pasos que dará o seu Goberno para cumprir cos obxectivos enunciados. Aínda que repetiu en varias ocasións que Venezuela debe encamiñarse a unha "transición", non aclarou se a actual oposición, á que non mencionou en ningún momento, terá participación nela, ou se esta transición será liderada polo propio chavismo no poder ou por algún dos seus grupos, como apuntaba nesta entrevista o analista Roberto Mansilla

Concentración de apoio a Nicolás Maduro en Venezuela, este sábado © Telesur

Trump di que a líder opositora María Corina Machado, Premio Nobel da Paz, "non ten apoio dentro do país"

De feito Trump afirmou, a preguntas dos xornalistas, que a líder opositora María Corina Machado, Premio Nobel da Paz, "non ten apoio dentro do país" e que non se puxo en contacto con ela. De igual xeito, o presidente estadounidense afirmou que a vicepresidenta venezolana Delcy Rodríguez mantivo unha "longa conversa telefónica" con Marco Rubio, secretario de Estado dos EUA, na que Rodríguez se tería posto "a disposición" de Washington.

Nicolás Maduro, a xuízo por narcotráfico

Nicolás Maduro será xulgado en Nova York por delictos de "narcoterrorismo", importación de cocaína ou posesión de armas, afirman os Estados Unidos

Pouco antes da rolda de prensa de Donald Trump o propio mandatario dos Estados Unidos publicou na súa rede social Truth unha fotografía do presidente Nicolás Maduro, secuestrado e esposado, a bordo do buque militar USS Iwo Jima. 

Fontes do Goberno estadounidense comunicaron que Maduro será trasladado a Nova York para ser xulgado por un tribunal da cidade polos delitos de narcoterrorismo, conspiración para a importación de cocaína, posesión de armas e artefactos explosivos e conspiración para portar armas e artefactos explosivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.