A intervención de Estados Unidos en Venezuela, pura reafirmación hexemónica

Bombardeos en Caracas, esta madrugada © RT

Lonxe de tratarse dunha resposta conxuntural a unha crise interna, insírese nun patrón histórico de acción hemisférica que combina presión económica, illamento diplomático, apoio a actores internos deslexitimadores e ameazas explícitas de forza

A intervención armada de Estados Unidos en Venezuela constitúe un dos episodios máis elocuentes da tensión estrutural entre o dereito internacional e a lóxica do poder no sistema global contemporáneo. Lonxe de tratarse dun caso illado ou dunha resposta conxuntural a unha crise interna, a política estadounidense cara a Caracas insírese nun patrón histórico de acción hemisférica que combina presión económica, illamento diplomático, apoio a actores internos deslexitimadores e ameazas explícitas de forza. A novidade non reside tanto nos métodos como na súa crecente normalización discursiva e na súa articulación explícita coa Estratexia Nacional de Seguridade dos Estados Unidos, especialmente baixo a presidencia de Donald Trump.

 

A novidade non reside tanto nos métodos como na súa crecente normalización discursiva e na súa articulación explícita coa Estratexia Nacional de Seguridade dos Estados Unidos

Desde a perspectiva do dereito internacional, a actuación estadounidense vulnera principios fundamentais consagrados na Carta das Nacións Unidas: a soberanía dos Estados, a non intervención nos asuntos internos e a prohibición do uso da forza ou da coacción económica con fins políticos. As sancións unilaterais, aplicadas fóra do marco do Consello de Seguridade da ONU, constitúen unha forma de guerra económica que carece de base legal. O recoñecemento de gobernos paralelos, a promoción explícita dun cambio de réxime e a ameaza recorrente de intervención militar consolidan un escenario de excepcionalidade xurídica no que Washington se arroga a facultade de decidir quen é lexítimo e quen non no hemisferio occidental.

Non se trata unicamente de derrocar un goberno hostil, senón de enviar unha mensaxe disciplinadora ao conxunto da rexión: calquera proxecto político que cuestione a hexemonía estadounidense, que impulse modelos alternativos de desenvolvemento ou que fortaleza vínculos estratéxicos con potencias extrahemisféricas pode ser obxecto de illamento, asfixia económica, desestabilización ou agresión aberta

Esta práctica non pode entenderse á marxe da Estratexia Nacional de Seguridade formulada recentemente pola administración Trump, na que América Latina reaparece como espazo prioritario de competencia xeopolítica. O documento identifica sen ambigüidades a presenza de China e Rusia como unha ameaza directa aos intereses estadounidenses na rexión e redefine o hemisferio como unha área de influencia que cómpre “recuperar”. Venezuela, neste marco, funciona como caso exemplar: un Estado con enormes recursos enerxéticos, cun discurso antiimperialista explícito e cunha política exterior orientada á diversificación de alianzas estratéxicas fóra da órbita estadounidense.

A crise venezolana convértese así nun laboratorio de contención xeopolítica. Non se trata unicamente de derrocar un goberno hostil, senón de enviar unha mensaxe disciplinadora ao conxunto da rexión: calquera proxecto político que cuestione a hexemonía estadounidense, que impulse modelos alternativos de desenvolvemento ou que fortaleza vínculos estratéxicos con potencias extrahemisféricas pode ser obxecto de illamento, asfixia económica, desestabilización ou agresión aberta. A intervención en Venezuela opera, neste sentido, como advertencia preventiva para outros países de orientación soberanista ou antiimperialista, sinalando os límites reais da autonomía política no marco do actual equilibrio de poder.

Mais aló da rexión

As expectativas de desenvolvemento da crise permanecen abertas e van máis aló da rexión. Para China, o caso venezolano encerra unha advertencia de alcance maior

As expectativas de desenvolvemento da crise permanecen abertas e van máis aló da rexión. Para China, o caso venezolano encerra unha advertencia de alcance maior. O interese de Pequín en América Latina non é ideolóxico senón estrutural: acceso a recursos naturais, diversificación de mercados, proxección financeira e consolidación dunha presenza global acorde co seu peso económico. Venezuela, como socio enerxético e financeiro, representa un dos nós máis sensibles desa estratexia. A ofensiva estadounidense revela, con claridade crecente, que a expansión chinesa no hemisferio occidental non será tolerada. A retórica trumpista do “patio traseiro” actualiza unha doutrina implícita segundo a cal América Latina segue a ser considerada un espazo reservado, no que a presenza de competidores sistémicos é vista como unha intrusión inaceptable.

Neste sentido, Venezuela funciona tamén como aviso para China: os investimentos, os acordos enerxéticos e os compromisos financeiros poden quedar atrapados en conflitos políticos inducidos desde o exterior, e a seguridade xurídica dos proxectos dependerá cada vez máis da capacidade chinesa para xestionar riscos xeopolíticos, non só económicos. A defensa do principio de non intervención, central no discurso diplomático de Pequín, enfróntase aquí a unha proba práctica nun contexto no que a norma cede ante a forza.

Máis alá do desenlace concreto da crise venezolana, o seu significado profundo reside na mensaxe que transmite: nun mundo formalmente multipolar, certas áreas seguen a ser tratadas como espazos de soberanía condicionada, onde a autonomía política continúa a ter un prezo elevado

A intervención de Estados Unidos en Venezuela non é un episodio illado nin unha anomalía, senón unha manifestación coherente dunha estratexia de reafirmación hexemónica nun momento de transición sistémica. Viola o dereito internacional, redefine os límites da soberanía rexional, actúa como mecanismo disuasorio para proxectos políticos alternativos e introduce un factor de risco estrutural para os intereses chineses no hemisferio. 

Máis alá do desenlace concreto da crise venezolana, o seu significado profundo reside na mensaxe que transmite: nun mundo formalmente multipolar, certas áreas seguen a ser tratadas como espazos de soberanía condicionada, onde a autonomía política continúa a ter un prezo elevado.

Encontro entre Nicolás Maduro e Xi Jinping, presidentes de Venezuela e de China, en 2023 © fmprc.gov.cn

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.