Galicia rexeita a nova estratexia de Trump para "corrixir a traxectoria" de Europa

Donald Trump e o seu vicepresidente J. D. Vance no despacho oval da Casa Branca e nova Estratexia de Seguridade Nacional dos EUA CC-BY-SA Imaxe: White Hose | Montaxe: Praza Pública

Xunta, partidos e analistas recean da nova Estratexia de Seguridade Nacional de Estados Unidos, que acusa á UE e á inmigración do "borrado da civilización" europea e aposta polo poder fronte á democracia liberal 

Europa enfróntase a un "borrado da civilización" polas "actividades da UE e outros organismos transnacionais que socavan a liberdade política e a soberanía" ou polas "políticas migratorias que están a transformar o continente". Unha "perda de identidades nacionais" en Europa que Donald Trump quere "corrixir" cunha nova Estratexia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos asinada hai uns días que aposta polo poder fronte a democracia liberal. 

Esta nova estratexia dos EUA para Europa é abertamente rexeitada ou cando menos vista con receo por parte dos principais partidos e analistas galegos. "A relación cos Estados Unidos non vai ser a mesma", admite o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para quen ante a viraxe de Trump "Europa debe ser agora máis Europa". 

Fragmento da nova Estratexia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos CC-BY-SA Imaxe: White Hose | Montaxe: Praza Pública

A nova Estratexia de Seguridade Nacional dos EUA di que o "declive" de Europa non é só económico senón que supón unha ameaza de "borrado da civilización" cuxas causas atribúe ás "actividades" da UE que "socavan a liberdade política e a soberanía", "as políticas migratorias", "a censura da liberdade de expresión e a supresión da oposición política", "a caída das taxas de natalidade" ou "a perda de identidades nacionais e de autoconfianza". "Se as tendencias actuais continúan, o continente será irrecoñecible en 20 anos ou menos", asegura a administración Trump.

Estados Unidos quere "que Europa permaneza sendo europea" para o que di que a súa diplomacia seguirá "defendendo a democracia xenuína, a liberdade de expresión e as celebracións sen complexos do carácter e a historia individuais das nacións europeas". Para iso, "América anima aos seus aliados políticos en Europa a promover este rexurdimento do espírito, e a crecente influencia dos partidos patrióticos europeos de feito dá motivos para un gran optimismo".

Alfonso Rueda: "A relación cos Estados Unidos non vai ser a mesma"

"A relación cos Estados Unidos non vai ser a mesma", admite o presidente Rueda, que di que "Europa debe ser agora máis Europa"

Desde a Xunta e o PPdeG o presidente Rueda admite que "esa posición de Estados Unidos obríganos a reformularnos moitas cousas e Europa debe ser agora máis Europa, debe ter as cousas máis claras e debe estar máis unida que nunca".

Preguntado pola nova estratexia estadounidense e o seu impacto en Europa e Galicia, o presidente salienta que na súa recente viaxe a Bruxelas "percibín claramente que o clima que existe respecto do novo marco financeiro que se está negociando nestes momentos está moi influído por esta actitude de Estados Unidos, e pola a necesidade de Europa de reafirmarse e prepararse para todo iso, para un novo escenario no que a relación cos Estados Unidos non vai ser a mesma".

"Estamos nun momento de dicirlle a Europa que conte moito máis cos seus territorios", di o presidente galego, que reflexiona que "esas políticas recentralizadoras, esas políticas de dicir que hai que priorizar algúns sectores, que pode ser moi discutible nestes momentos, pero non a costa dos outros que tamén son moi importantes, é o que estamos discutindo agora mesmo".

Rueda en 2022 coa anterior embaixadora dos Estados Unidos en España CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ana Miranda (BNG): "Hai un risco de recentralización de políticas"

"Obrígannos a modificar as políticas de cohesión, que caracterizan a integración europea, para condicionalas ás políticas de defensa", di Ana Miranda (BNG)

Desde o BNG a súa eurodeputada, Ana Miranda, considera obvio que Trump "está tratando de inmiscuírse en todos os asuntos do mundo, das eleccións en Arxentina ou Honduras a calquera decisión que tome a UE, así que calquera día o vemos meténdose co agro galego". Para Miranda "Trump tenta derivar a axenda a asuntos externos para non falar dos problemas internos dos Estados Unidos", e no caso europeo "aprovéitase dunha situación de debilidade da UE" con "unha Comisión que non está pulando polos intereses europeos" e "cunha gran submisión da presidenta Von der Leyen ao que diga Estados Unidos".

Un intervencionismo en Europa que Miranda atribúe a unha conxunción dos seus "intereses militaristas e económicos" e que, ante a submisión da UE, "pode ter moito risco para Galiza".

"Agora parece que nos obrigan modificar as políticas de cohesión, algo moi básico da integración europea, que a caracterizaba, para condicionalas ás políticas de defensa", di Miranda, que como o presidente Rueda teme que a UE aposte por recentralizar políticas e axudas nos estados en detrimento das rexións. Un maior peso dos estados que lamenta que poida ser coincidente "coa deriva populista e ultraconservadora de apoiar a partidos de extrema dereita que apoian esas tendencias".

Nicolás González Casares (PSdeG): "Trump quere debilitar a UE"

"Vainos afectar, Trump quere debilitar a UE para ter eles máis oportunidades no mercado europeo, non é só unha cuestión de seguridade", di Nicolás González Casares (PSdeG)

No PSdeG o seu eurodeputado Nicolás González Casares considera que a mudanza de EUA "afecta ao noso modo de vida europeo". "Trump quere debilitar a UE para ter eles máis oportunidades no mercado europeo, non é só unha cuestión de seguridade", di o socialista. 

González Casares di que o debate está moi presente en Bruxelas. "É unha linguaxe moi bélica ou belicista que igual en España non se traslada tanto, pero aquí estámolo vivindo, hai un cambio de era das garantías de seguridade de Europa por parte de Estados Unidos", di o eurodeputado. No que respecta a Galicia, o socialista di que a nova estratexia de Trump pode supoñer "o debilitamento do noso modelo, e ten que poñernos sobre alerta, tamén sobre o papel que os populismos teñen en Europa e que non sempre obedecen a intereses digamos 'patrióticos' nosos senón dos Estados Unidos". "Vainos afectar aos galegos e galegas, seguro", sentencia. 

Fronte a esta nova situación González Casares está de acordo coa aposta da UE por "buscar outras alianzas" como Mercosur, Canadá ou mesmo China. Pero lamenta a "falta de contundencia dos líderes europeos" con Trump. "Chama a atención o perfil baixo que está tendo ás veces [a presidenta da Comisión] Ursula von der Leyen ou  [o chanceler alemán] Friedrich Merz", di o socialista. 

Nicolás González Casares e Ana Miranda, eurodeputados do PSdeG e o BNG CC-BY-SA Praza Pública

Daniel González Palau (Igadi): "É unha volta aos imperios"

Desde o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacionl (Igadi), con 35 anos de experiencia como principal think tank de relacións internacionais desde Galicia, o seu director, Daniel González Palau considera que a nova estratexia dos EUA "non deixa de ser a proxección da estratexia de seguridade do trumpismo en 2017, agora reforzada". "Desde a propia presentación do documento aparecen os grandes slogans do movemento MAGA [Make America Great Again], parece case unha caricatura no estilo, pero apunta a ideas forza que levan anos construíndo as relacións internacionais, a unha volta aos imperios" di González Palau.

O Igadi pon tamén o foco no 'corolario Trump á Doutrina Monroe', que aposta polo intervencionismo en toda América, onde están os principais mercados galegos alén Europa

Desde o Igadi salientan a importancia, xunto coa nova Estratexia de Seguridade Nacional, do denominado corolario Trump á Doutrina Monroe, baseada no lema "América para os americanos" que reservou para os EUA a influencia en todo o continente. Trump incide agora nesa "capacidade de intervención nas áreas de conectividade física de todo o continente americano, portos, aeroportos e demais infraestruturas loxísticas", di González Palau, que ve nesa dimensión unha das principais ameazas para Galicia.

"Os nosos principais mercados alén de Europa están en América, e isto pode ocasionar interferencias nas exportacións", di. Para evitalo, aposta por "diversificar mercados e ter un plan para relacionarse co mundo emerxente, con China, cos xogadores medios nos que Galicia non ten moita presenza agora nin plan para mudar a situación".

Pero o director do Igadi tamén apunta a posibles mudanzas máis alá das económicas. "Se en Europa avanzase un escenario de riscos de seguridade, pola nosa posición xeográfica teriamos que asumir uns riscos que hai moitos anos que non temos", sinala. 

González Palau amosa a súa esperanza "en que o Estado e a UE sexan quen de desenvolver autonomía estratéxica" e tamén apunta que a nivel internacional a postura de Trump está lonxe de ser hexemónica xa que "China respondeu chamando a posicionarse globalmente contra esta maneira de interpretar a seguridade".

Sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

A nivel estatal a nova estratexia de Trump está a ser analizada no Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (Ceseden), do Ministerio de Defensa, como "un regreso á política de poder que a posguerra fría tentara deixar atrás, pero que esta estratexia reivindica con claridade". Segundo esa análise estatal "EUA xa non se aliña de forma automática coas elites europeas pro-integración, senón que se declara simpatizante de "partidos patrióticos" e correntes euroescépticas/nacional-conservadoras que reivindican a súa propia identidade e soberanía. Dito sen rodeos: o documento lexitima politicamente ás forzas europeas que cuestionan a traxectoria actual da UE".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.