En 2025 Galicia xerou, sobre todo, menos electricidade a través das súas centrais hidroeléctricas e tamén sufriu unha lixeira redución na produción dos parques eólicos, que rexistraron o seu peor dato dende o ano 2018
O ano 2025 será recordado, no ámbito da xestión eléctrica, polo apagamento que o conxunto do Estado español sufriu o luns 28 de abril. Un suceso, con causas aínda non completamente aclaradas, que impulsou unha reflexión sobre o xeito en que producimos e consumimos electricidade e sobre os controis e medidas de seguridade no sistema. E que, ademais, provocou a curto prazo un impulso da xeración eléctrica a través da queima de gas fósil.
Sexa por este factor ou por outros (as renovables están expostas á variación na dispoñibilidade do vento, auga ou sol), o ano pechouse en Galicia cunha diminución na cantidade total de electricidade xerada por fontes renovables, despois das cifras de 2024 que supuxeran un récord de enerxías limpas.
En 2025 Galicia xerou, sobre todo, menos electricidade a través das súas centrais hidroeléctricas (de 10.066 a 8.363 GWh) e tamén sufriu unha lixeira redución na produción dos parques eólicos (8.855 a 8.610 GWh), que rexistraron o seu peor dato dende o ano 2018. Así e todo, a xeración eólica foi a máis importante.
En cambio, incrementouse a xeración nas centrais de ciclo combinado (que queiman gas fósil para producir electricidade)
En cambio, incrementouse a xeración nas centrais de ciclo combinado (que queiman gas fósil para producir electricidade), que pasaron de 2.099 a 2584 GWh.
O resto de fontes rexistraron, como é habitual, cifras moito máis cativas. E, por segundo ano consecutivo, non houbo xeración eléctrica a través da queima de carbón.
En conxunto, a xeración eléctrica con renovables (17.543 GWh) rexistrou un descenso considerable. Pero aínda así o 82,4% da electricidade producida en Galicia xerouse con fontes limpas
En conxunto, a xeración eléctrica con renovables (17.543 GWh) rexistrou un descenso considerable. Pero aínda así o 82,4% da electricidade producida en Galicia xerouse con fontes limpas, un dato por debaixo do dato do ano pasado (84,6%) pero que constitúe a segunda mellor cifra da historia.
De igual xeito, Galicia mantense como unha das comunidades autónomas que produce unha maior parte da súa electricidade con fontes renovables, só por detrás de Castela e León (94%), Cantabria (84,8%) e Aragón (82,9%) e moi por riba da media do Estado (55,5%).
O 2025 foi o ano que Galicia xerou menos electricidade nas últimas décadas (21.297 GWh)
Galicia segue a xerar máis electricidade que a que consome, pero a marxe positiva veu reducíndose nos últimos anos. O 2025 foi o ano que Galicia xerou menos electricidade nas últimas décadas (21.297 GWh), fronte a unha demanda anual que, por exemplo en 2024 (non hai aínda datos completos de 2025) se situou nos 16.866 GWh. A xeración eléctrica de Galicia no último ano foi a máis baixa dende, cando menos, o ano 2011.
Unha das razóns é o estancamento da potencia instalada renovable (8.105 MW), practicamente sen cambios dende o ano 2019 (7.643 MW)
Unha das razóns que explica a falta de avances na xeración eléctrica en Galicia é o estancamento da potencia instalada renovable (8.105 MW), practicamente sen cambios dende o ano 2019 (7.643 MW), seis anos nos que a potencia non renovable descendeu de 3.780 MW a 1.779 MW. O parón eólico que sofre o país debido aos erros na xestión e na planificación explica estas cifras.
Nese tempo, Galicia pasou de ser a segunda comunidade autónoma con máis potencia renovable instalada, só por detrás de Castela e León, a ser a sexta
Nese tempo, Galicia pasou de ser a segunda comunidade autónoma con máis potencia renovable instalada, só por detrás de Castela e León, a ser a sexta. En seis anos Galicia só medrou un 8%, o peor dato de todo o Estado, con grandes avances en case todas as comunidades autónomas grazas en moitos casos ás instalacións fotovoltaicas, pero tamén ás eólicas.